A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, o Voceiro da Deputación, Álvaro Santos, e o Presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, informaron este venres do inicio do Merca e Gaña polo Nadal. Trátase dunha campaña de sensibilización coa que a o Concello, a Deputación e os comercios, a través da súa Federación, buscan incentivar e promover entre a veciñanza as compras nos 800 comercios da cidade de Lugo durante o Nadal. Para elo, ofrécense premios dun total de 10.000 euros para reinvestir no comercio local.
Na presentación, Ana Prieto apuntou que “este tipo de campañas son fundamentais para poñer en valor a figura do pequeno comercio, de todas esas tendas que temos nas nosas rúas, ao pé das nosas casas, que son os que realmente axudan manter a economía da nosa cidade”. Así, a rexedora municipal defendeu que “ademais da xeración directa de emprego, o tecido que se crea ao redor destas pequenas tendas, crea aínda máis recursos e riqueza para os veciños”.
Pola súa banda, Álvaro Santos destacou que o sector do comercio da capital lucense dá emprego a unhas 2.000 familias, nos máis de 800 establecementos, o que dá mostra da importancia do comercio local para a economía municipal. Neste senso, o voceiro lembrou que as compras durante o Nadal supoñen máis do 25% das vendas anuais, superando o 30% en tendas infantís ou droguerías. “Queremos concienciar á cidadanía da importancia de mercar no comercio de proximidade pois mercando nos establecementos de proximidade gañamos todos”, destacou
Por último, José María Seijas subliñou que “o obxectivo fundamental desta campaña é encher de Nadal a provincia de Lugo e crear ese ambiente festivo e alegre propio destas datas fomentando as compras. Ademais con esta iniciativa apostamos por incentivar o uso das novas tecnoloxías, tanto por parte dos consumidores como dos comerciantes, pois temos claro que a dixitalización do comercio é o presente, un paso obrigado”.
Ata 10.000 euros en premios
Merca e Gaña polo Nadal desenvolverase dende o 6 de decembro ao 6 de xaneiro. Durante estas datas, ademais de incentivar as compras no comercio local con material promocional nas rúas dos 67 Concellos ou en redes sociais co hashtag #nadalmercaegaña. As persoas que merquen en calquera dos establecementos da provincia poderán participar no sorteo de 20 tarxetas regalo de 300 euros e outras 20 de 200 euros. Para elo, débese fotografar o tícket da compra e rexistrala en www.nadalmercaegana.com ou solicitar o seu rexistro ao comerciante. O sorteo ante notario será o 11 de xaneiro. Máis información en www.nadalmercaegana.com.