A Xunta de Goberno aprobou os proxectos IneracTICvate e Forum 4.0, que contemplan, entre outras accións, crear unha App e unha web, e a recreación de elementos patrimoniais en 3D, realidade aumentada e fotografía panorámica
Estas iniciativas súmanse á candidatura do Concello a fondos europeos para un novo plan de emprego, EmPodérate, con 2M€ de orzamento e para 300 lucenses no paro en situación de vulnerabilidade
O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou de que a Xunta de Goberno deste mércores aprobou solicitar á Consellería de Economía, Emprego e Industria dous novos obradoiros de emprego por importe de 443.000€ para mellorar a inserción laboral de 36 lucenses no paro ofrecéndolles formación na difusión do patrimonio a través de medios dixitais. Trátase dos proxectos InteracTICvate e Fórum 4.0.
– InteracTICvate ten un orzamento 288.473€ e está deseñado para a formación de 20 persoas en dúas especialidades: Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais, que inclúe a elaboración dun catálogo que recolla a arte urbana da cidade; e Producción Fotográfica, que contempla o desenvolvemento dunha App turística de promoción dos principais elementos patrimoniais da cidade mediante a aplicación das TIC, para a que se farán recreacións en 3D, realidade aumentada e fotografía panorámica. Para a súa execución contrataranse a tres persoas, entre dirección e monitores.
– Fórum 4.0 precisa un investimento de 154.075,36€ e prevé a formación de 16 persoas, ademais da contratación de outras tres para a súa execución, entre dirección e monitores. As especialidades son Confección e Publicación de Páxinas Web, no que se prevé a creación dun portal de divulgación e difusión dos patrimonio lucense; e Xestión de Márketing e Comunicación, dirixido a poñer en valor a riqueza patrimonial como factor de desenvolvemento e a potenciar a marca Lugo Romano como destino.
Estas dúas iniciativas súmanse á candidatura do Concello, que tamén aprobou hoxe a Xunta de Goberno, para concorrer a fondos europeos co fin de desenvolver un novo plan de emprego, EmPodérate, que, tal e como xa explicou o luns a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Sostible, Ana Prieto, conta cun orzamento de 2M€, dos cales o Fondo Social Europeo achegará o 80% e a entidade local o 20% restante, e está destinado á inserción laboral de 300 lucenses en situación de vulnerabilidade para o mercado de traballo.
“Non temos as competencias en emprego, pero temos e exercemos, como se pode comprobar con estas novas actuacións, a responsabilidade e a obriga de facer todo o posible, con recursos propios e tratando de captar investimentos doutras entidades, para paliar o desemprego no noso municipio. Non podemos, nin daremos ás costas nunca aos 6.214 lucenses que a día de hoxe están no paro”.
Cafetería A Milagrosa
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou abrir o procedemento para a adxudicación da explotación do servizo de cafetería anexa ao centro social municipal da Milagrosa. O importe do canon establecido é de 400 euros ao mes e a duración do contrato de un ano, prorrogable por outros catro.
Casetas e caldeiros
Así mesmo, o Executivo tamén acordou reclamar á empresa Bruxa Consulting o importe de 23.575,80€ en concepto de danos e perdas causados ao Concello polo incumprimento da súa obriga contractual de abonar as taxas ás que viña obrigada pola adxudicación das casetas e caldeiros do polbo 1 e 3 nas festas de San Froilán. O importe reclamado é o resultante da diferencia entre a oferta de Bruxa para o 2017 e a finalmente recadada polo Concello na nova adxudicación, restada a fianza imposta. Así mesmo, tamén se aprobou proceder á tramitación da renuncia dos novos adxudicatarios das casetas e caldeiros 1 e 3, abrir un novo procedemento de licitación para a concesión dos mesmas e, unha vez rematado, incoar, se procede, un expediente de reclamación contra Bruxa Consulting en concepto de danos e prexuízos ao Concello por non pagar as taxas ofrecidas para os anos 2018 e 2019.
Audio