O voceiro do Goberno local, Miguel Fernández, anunciou que a Xunta de Goberno deste mércores aprobou o Plan Estratéxico de Subvencións deste ano por un importe de 2M€, que, a través de axudas de concorrencia competitiva e nominativas, beneficiarán a asociacións e entidades lucenses do ámbito deportivo, cultural, muller, social, participación cidadá, medio ambiente, educación e xuventude. O Executivo fai “un importante esforzo investidor”, subliñou Fernández, consciente de que o rico e forte tecido asociativo “co que temos a sorte de contar en Lugo” desenvolve unha labor fundamental e que con estas axudas poderá desenvolvera súa actividade con maior facilidade.
O orzamento distribúese por áreas do seguinte xeito:
– Deportes: 802.500€
– Cultura: 124.800€
– Muller: 32.360€
– Servizos Sociais: 676.856,64€
– Participación Cidadá: 78.500€
– Medio Ambiente: 105.000€
– Educación: 40.000€
– Xuventude: 10.000€
– Protocolo (Caudal Fest): 217.800€
Por outra banda, na Xunta de Goberno de hoxe tamén quedou aprobado o proxecto de modificación do Regulamento Interno de Persoal do Concello no relativo ao valor das horas extraordinarias e a eliminación do límite anual das mesmas. Segundo esta proposta o valor das horas extra será o resultado de dividir o salario anual bruto de soldo, trienios, complementos e pagas extra entre as horas traballadas en xornadas normais incrementando nun 40% o seu valor, mentres que as festivas levarán un 100% máis do seu valor normal. Así mesmo, non se establece límite ao número de horas extraordinarias que un funcionario poderá realizar con carácter anual, respectando en todo caso o que poidan dispoñer en cada momento as normas, de maior rango xurídico, aplicables ao persoal funcionario das entidades locais.
O proxecto de modificación do Regulamento Interno de Persoal someterase agora ao debate do Pleno para a súa aprobación inicial e posterior tramitación.
Audio