A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciou a aprobación este venres en Xunta de Goberno extraordinaria das bases que rexerán a convocatoria pública para a cesión dos 9 locais comerciais que o Concello alugou ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) na Tinería co fin de crear un viveiro de empresas a pé de rúa xestionado polo CEI Nodus.
“Damos un paso máis para seguir materializando o noso compromiso coa posta en valor e a dinamización social e económica deste barrio emblemático da cidade e do casco histórico, motor do turismo”, subliñou Méndez, quen destacou neste senso outros proxectos do Goberno na zona intra murallas como a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, o novo modelo de acceso e mobilidade no centro e a reforma do PEPRI.
O viveiro de empresas na Tinería supón, engadiu a Alcaldesa, “revalorizar o barrio dunha maneira controlada e eficaz por medio dunha economía sostible e de valor engadido que fará atractiva a zona, non só para emprender e traballar, senón tamén para vivir, facendo posible un efecto chamada de novos residentes e empresas”.
Esta iniciativa, afirmou a rexedora, “coa conseguimos ademais que inmobles rehabilitados con fondos públicos queden en mans públicas con garantía de continuidade”, é froito “das gañas de xestionar deste Goberno e do noso compromiso coa creación de emprego”.
Prioridade: executar os Orzamentos
Despois de aprobar a licitación do ascensor de Fontiñas, do parking do HULA e dos 7 aparcadoiros disuasorios con máis de 200 prazas, “cumprimos un novo compromiso deste Goberno coa veciñanza dende a entrada en vigor dos Orzamentos, hai só pouco máis dun mes, que responde a unha forte demanda social e empresarial”, asegurou a Alcaldesa.
Neste senso, Lara Méndez recalcou que será habitual a partir de agora celebrar sesións extraordinarias das xuntas de goberno porque “executar o Orzamento para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas e impulsar o desenvolvemento social e económico da cidade é unha prioridade, e, dado que o intento constante da oposición por bloquear a capacidade investidora do Concello nos levou ata abril para poder ter unhas contas aprobadas, agora utilizaremos todos os instrumentos que a Administración pon á nosa disposición para sacalos adiante no menor tempo posible, como xa fixemos para poder ter presupostos este ano”.
Deste xeito, na Xunta de Goberno extraordinaria desta mañá tamén se aprobou, como avanzara a Alcaldesa, sacar a contratación as obras de acondicionamento de 7 aparcadoiros disuasorios en parcelas municipais que ofrecerán 203 novas prazas gratuítas en distintos puntos da cidade, un proxecto con 350.000€ de orzamento e 5 meses de prazo de execución.
Así mesmo, o Executivo acordou designar o delegado de protección de datos do Concello, unha figura que implanta o Regulamento Xeral de Protección de Datos, e que ten entre as súas funcións informar e asesorar sobre o tratamento de datos persoais, así como a de supervisar o cumprimento desta normativa legal. Estas funcións poden ser desenvolvidas por unha persoa física ou xurídica, interna ou externa ao Concello. “De maneira provisional e transitoria, en tanto seguimos traballando para reforzar a plantilla municipal e dado que non podemos incrementar aínda máis a carga de traballo dos servizos municipais, optamos pola contratación externa desta figura, designando como delegado de protección de datos á empresa Start Up SL, a mesma que viña exercendo ata o momento o asesoramento ao Concello nesta materia”, explicou Lara Méndez. O importe anual do contrato é de 18.089,50€
Pasos previos
Para poder poñer en marcha o viveiro de empresas da Tinería, a finais de novembro do 2017 a Alcaldesa rexistrou ante a Xunta a proposta de cesión dos locais ao Concello, co que “conseguimos parar a poxa coa que o Goberno galego pretendía vendelos, de xeito que inmobles rehabilitados con fondos públicos quedarían en mans privadas, sen control sobre o seu uso e sen garantías de que estes non fosen especulativos”.
En decembro, a Xunta de Goberno acordou solicitar ao IGVS o aluguer dos locais, e este organismo respondeu que o período do arrendamento será de 5 anos, con posibilidade de prórrogas anuais. O 13 de marzo deste ano tivo lugar a sinatura pública coa Xunta dos convenios de arrendamento e a recepción das chaves, momento no que o Goberno se marcaba un prazo de dous meses para elaborar as bases, previsión que cumpriu, pois hoxe mesmo foron aprobadas.
Prazos e condicións
As solicitudes dos locais comerciais poderán presentarse durante un prazo de 20 días hábiles dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que previsiblemente terá lugar a vindeira semana, cando tamén o Concello prevé organizar unha xornada de portas abertas para que os interesados poidan coñecer os inmobles antes de facer a petición. Cada solicitante poderá pedir un máximo de dous locais, aínda que só se lle adxudicará un.
A cesión será en réxime de aluguer por un período de catro anos (contados dende a resolución definitiva e a entrega das chaves), con opción a prórroga, e a renda será do 20% do que lle custa ao Concello o arrendamento dos locais ao IGVS. Deste xeito, a entidade local achega o 80% restante. Os importes oscilan entre os 10€ ao mes do inmoble con menor superficie aos 72€ do máis grande (IVE incluído).
A situación dos locais, a superficie de cada un e os importes que pagarán Concello e adxudicatarios son os seguintes:
Nº | SITUACIÓN LOCAIS COMERCIAIS | Superficie | Renda anual que o Concello abona ao IGVS (sen IVE) | Renda anual a aboar ao Concello polos arrendatario/as (sen IVE) | Renda mensual a aboar polos arrendatarios/as (sen IVE) |
1 |
R./ Recanto do Miño, nº 8 | 54.20 |
1.813,56 € |
362,71 € | 30,23 € |
2 |
R/Miño, nº 26 | 70.10 |
2.219,42 € |
443,88 € | 36,99 € |
3 |
R/Miño, nº 32 | 106,44 |
3.584,80 € |
716,96 € | 59,75 € |
4 |
R/Tinería nº 36 | 20,34 |
634,96 € |
126,99 € | 10,58 € |
5 |
R/Tinería nº 24 | 51 |
1.372,49 € |
274,50 € | 22,87 € |
6 |
R/Tinería nº 44 | 37,2 |
987,09 € |
197,42 € | 16,45 € |
7 |
R/Recanto do Miño, nº 15 | 18.90 |
501,51 € |
100,30 € | 8,36 € |
8 |
Praciña Universidade, nº3-letra 1 | 53.84 |
2.086,88 € |
417,38 € | 34,78 € |
9 |
Praciña Universidade nº 3-letra 2 | 50.24 |
1.960,45 € |
392,09 € | 32,67 € |
TOTAL | 15.161,16 € | 3.032,23 € | 252,69 € |
As persoas ou entidades adxudicatarias asumirán o acondicionamento dos locais de acordo coas características da actividade empresarial que se pretenda abrir.
Os beneficiarios poderán ser persoas físicas ou xurídicas que queiran desenvolver unha actividade: comercial, de oficinas e administrativa, educativa, docente e cultural, asistencial, deportiva, sanitaria ou artesá. A Ordenanza de Burgos Medievais permite usos máis amplos nesta zona, “pero limitámolos a estes porque son os que máis poden dinamizar e poñer en valor o barrio”, explicou a Alcaldesa.
Será requisito indispensable presentar un plan de empresa e unha memoria valorada economicamente, na que se describa a actividade a implantar e a data prevista para poñela en marcha (non superior aos 4 meses despois da entrega do local).
O procedemento de adxudicación será por concorrencia competitiva, e conforme aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade e igualdade.
Criterios de valoración
As bases establecen criterios de valoración cuantitativos e cualitativos.
Os cualitativos son en función do tipo de empresas:
– Empresas de mercado: empresario individual, sociedade anónima e sociedade limitada: 2 puntos.
– Empresas de economía social: sociedade cooperativa, sociedade limitada laboral, fundacións e asociacións con fins comerciais: 4 puntos.
– Proxectos empresariais que procedan de viveiros de empresas, coworkings, etc.: 1 punto, que poderá acumularse aos anteriores.
Os cuantitativos puntuaranse cun máximo 5 puntos, distribuídos do seguinte xeito:
– Adecuación da actividade proposta ás características do local: ata 2 puntos.
– Dinamización comercial e xeración de afluencia de público ao barrio: ata 3 puntos.
No caso de que dúas ou máis solicitudes acaben igualadas en puntuación para un mesmo local, a orde de adxudicación establecerase por sorteo público. A súa convocatoria será anunciada no Taboleiro de Anuncios e na páxina web do Concello con 24 horas de antelación.
As solicitudes serán valoradas por un comité técnico composto por seis persoas:
– 3 vogais nomeados polo Concello (un técnico de Urbanismo e dous do CEI Nodus)
– 1 vogal nomeado pola Federación Galega de Comercio
– 1 vogal nomeado pola CEL
– Secretaría (secretario ou vicesecretaria do Concello)
Para maior información, o anuncio da convocatoria, ademais de no BOP, publicarase na web do Concello (www.lugo.gal) e no Taboleiro de Anuncios municipal. As solicitudes estarán dispoñibles, ademais de na web, nas oficinas de Atención ao Cidadán.
A resolución definitiva de adxudicatarios incluirá unha lista numerada de reservas para a ocupación dos locais (para o caso de renuncias ou incumprimentos). Será publicada no Teboleiro de Anuncios e na web municipal.
Audio