O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo, o CEI Nodus, vén de ser galardoado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) nos III Premios Galicia de Industria pola súa contribución ao tecido industrial galego, ao seu desenvolvemento e ás boas prácticas neste eido. Así o anunciou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, que tamén avanzou que o protagonismo de Lugo nesta convocatoria vén reforzado porque a gala de entrega dos premios terá lugar na cidade, o vindeiro 19 de outubro.
Os Premios Galicia de Industria, impulsados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros Industriais da comunidade galega, teñen como obxectivo recoñecer as mellores traxectorias no fomento e implantación de boas prácticas no campo da industria, tanto de persoas, como de proxectos, empresas e entidades.
O CEI Nodus, creado polo Concello no ano 2004, está na actualidade ao 100% de ocupación, con 27 emprendedores e emprendedoras, e asociacións funcionando nas súas instalacións. Dende a súa posta en marcha, o CEI Nodus prestou asesoramento a 3.000 proxectos empresariais, dos que fructificaron 400, que deron emprego a medio milleiro de persoas. A porcentaxe de supervivencia das empresas está no 80%. Unhas 5.000 persoas participaron nas actividades de formación, difusión e asesoramento.
Este centro é un dos piares das políticas de impulso ao emprendemento e a creación de emprego do Goberno, ás que destina 3M€ no Orzamento deste ano. A día de hoxe, ten proxectos en marcha por valor de 2M€ que benefician a 250 persoas, entre os programas Empregalia, Inicia Coworking, o viveiro de empresas do CEI e da Tinería, os obradoiros de emprego e o plan Mellora Lugo. Así mesmo, no marco do seu continuo traballo por atraer investimentos, presentou candidatura a fondos europeos co plan EmPodérate, dirixido a colectivos en risco de exclusión social, cun orzamento de2M€ e 300 beneficiarios.