O Concello adxudicou as obras de instalación do ascensor do barrio do Sagrado Corazón, que comezarán a acometerse o vindeiro mes. Así o anunciou a Alcaldesa, Lara Méndez, ante os veciños e veciñas que participaron onte nun encontro coa Deputación e o Concello co fin de fomentar a participación cidadá e a transparencia. Os traballos foron adxudicados por importe de 240.000€ á empresa Construcciones Alea.
O Goberno cumpre cunha forte demanda cidadá con esta dotación pública, que, no marco do seu modelo de cidade, mellorará a accesibilidade e a comodidade das persoas que viven nesta zona da cidade e tamén das que nos visitan, en definitiva, a súa calidade de vida, sobre todo a das persoas maiores, que a día de hoxe se encontran con moitas dificultades pola orografía para desprazarse a outras zonas da cidade”, subliñou Lara Méndez. Esta actuación é unha peza central do modelo de cidade do Goberno, máis accesible, cómoda, humana e sostible.
A día de hoxe, o Goberno ten en marcha obras en materia de mobilidade por valor de un millón de euros, como lembrou a rexedora, entre elas, a instalación do ascensor de Fontiñas, a peonalización do entorno da praza da Milagrosa, a reordenación do enlace da rúa Mar Cantábrico con Santo Graal e Poeta Manuel María ou os aparcadoiros disuasorios.
Co ascensor do Sagrado Corazón, que ten un prazo de execución de catro meses dende o inicio das obras, o milleiro habitantes da contorna do barrio gañarán directamente en accesibilidade, pero tamén en comodidade e calidade de vida, sobre todo os maiores. Tamén se beneficiarán desta dotación outras persoas que acudan ao barrio, que conta con diversos servizos básicos, como o colexio, o centro de saúde ou o centro de convivencia.
Na actualidade, na escalinata do Sagrado Corazón, existe un sistema de escaleiras de 3+3 tramos, que salvan un desnivel de 6,75 metros entre a Avenida Adolfo Suárez e a igrexa do barrio. Máis arriba das inmediacións do bloque nº23 do barrio prodúcese o final desta nova intervención, existindo unha diferenza de nivel entre ambos puntos de 11 metros, altura que o Concello salvará coa ascensor.
A entidade local instalará un ascensor con tres paradas para salvar os diferentes niveis: un deles a nivel da praza que dá acceso á igrexa e o outro máis arriba, para enlazar coa cota superior do soportal existente a carón do Salón de Actos do CEIP Sagrado Corazón.
Esta infraestrutura colocarase no punto visual máis achegado á cidade con respecto á Praza, de xeito que se poida observar unha vez que a persoa viandante se vaia achegando ao barrio, cruzando a ponte existente encima das vías do tren.
Panorámico
O ascensor de uso público, que se prevé construír en formato panorámico posibilitando as vistas dende o interior, terá un sistema de embarque pola porta sur e desembarque pola norte nas paradas segunda e terceira, a nivel da praza da igrexa e a carón do colexio. A comunicación entre ambos os dous desembarcos superiores do torreón realizaranse a través de sendas paralelas; unha primeira chegando á Praza, salvando un vano de 5 metros, e outra que salva unha distancia de 16 metros, mediante a construción dunha viga-ponte con estrutura metálica. Na planta baixa prodúcese o acceso ao torreón do ascensor. Nesta área proxéctase ubicar a parada de bus urbano que na actualidade está situada a carón da rotonda de Adolfo Suárez con Serra de Meira. Para elo, a actuación compleméntase coa instalación de mobiliario urbano, conretamente colocando dous bancos cubertos por unha marquesiña.
Haberá tamén un sendeiro peonil adaptado e aproveitarase para realizar unha limitación efectiva do aparcamento de vehículos nunha área de saída de alumnos do colexio. Tamén se constrúe un tramo de muro e unha escaleira co obxecto de salvar o desnivel que se vai producir na área situada á esquerda da saída do centro educativo.
Gran influencia urbana
Actúase nunha pequena área, 320 metros cadrados, pero con gran influencia urbana, que redundará non só en beneficio da mobilidadade, senón tamén no acabado físico da contorna. Paralelamente, aproveitarase a intervención para mellorar a iluminación existente e os acabados dos materiais, como o que se prevé realizar no soportal existente cuxo teito sufriu danos de humidade, ou o tapado parcial da medianeira. Tamén se aproveitará para redimensionar as escaleiras.
Outras actuacións
No Sagrado Corazón, o Goberno, ademais da instalación do ascensor, ten proxectadas as obras de aglomerado do acceso á contorna da igrexa e executadas as tarefas de pavimentación da rúa Fonmiñá e Piñeiral, cun orzamento conxunto de 100.000 euros.