A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto á Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, presentou este venres o proxecto de Orzamentos do 2019, que, con 96,6M€ de importe, un 1% máis que o de 2018, ten como eixes a mellora da mobilidade, dos espazos e servizos públicos, a integración da cidade e o río, o rural e o investimento en políticas sociais, que copa o 30% do presuposto. O documento recolle numerosas propostas de consenso social e político, e avanza na implantación “do noso modelo de cidade: máis accesible, equilibrada, xusta, sostible, de oportunidades e vangarda”, subliñou a rexedora. As persoas son o centro das actuacións contempladas nunhas contas que manteñen os investimentos en 15M€, o que supón un 30% máis que no inicio de mandato.
Máis mobilidade: 2,3M€
O Orzamento 2019 inclúe 2,3M€ para tres importantes proxectos encamiñados a mellorar a mobilidade. Trátase da humanización da avenida Adolfo Suárez, que, cun importe de 1M€, consistirá no acondicionamento integral dunha das principais portas de entrada á cidade, e arteria do barrio do Sagrado Corazón. A necesidade desta obra, que cumpre cun acordo plenario adoptado en xuño do pasado ano, acentúase coa futura apertura do novo colexio da zona -para o que o Concello cedeu 10.000ms2- e da estación intermodal, que este Goberno conseguiu volver a situar na axenda política despois de 7 anos de esquecemento do PP e para a que se está a elaborar o anteproxecto. A humanización da avenida Adolfo Suárez mellorará a seguridade vial, a calidade de vida dos veciños e veciñas e dinamizará o barrio, onde o Concello comezará de maneira inminente outra obra de mellora da mobilidade como é o ascensor do Sagrado Corazón.
O presuposto contempla unha partida de 1M€, destinado á execución dun plan integral de mellora da seguridade vial nos 1.115 pasos de peóns existentes na cidade. A iniciativa cumpre tamén cun acordo adoptado polo Pleno en setembro do pasado ano.
O terceiro investimento en materia de mobilidade previsto no Orzamento elaborado polo Goberno ascende a 250.000€ para a humanización do entorno da Praza Conde Fontao, onde se instalará unha rampla mecánica para salvar a escalinata –entre a propia praza e a rúa Miguel de Cervantes-, a primeira infraestrutura pública deste tipo coa que contará Lugo. O Goberno proxecta esta actuación nun punto estratéxico da cidade, pois é porta de entrada á cidade e converterase nun nó de comunicacións coa futura intermodal.
Máis e mellores servizos e espazos públicos
O proxecto de orzamentos inclúe o Plan de Barrios II, de novo con 2,5M€, para “avanzar na cohesión e o equilibrio entre a veciñanza de todos os barrios a través da dotación e mellora de servizos básicos, como asfaltado, beirarrúas, sumidoiros, abastecemento, mobiliario urbano, zonas verdes ou humanización”, indicou a Alcaldesa. Este plan permite ao Concello, engadiu, cubrir mellor e máis axilmente as peticións cidadáns, así como cumprir as propostas do Pleno. Méndez lembrou que os 2,5M€ orzamentados no pasado ano consignáronse na súa totalidade nun cento de actuacións, que a día de hoxe están finalizadas ou en marcha.
O Goberno mantén a aposta tamén polos Orzamentos Participativos, con 400.000€, un reforzo do Plan de Barrios, que “implica á cidadanía na gobernanza a través dun instrumento de participación directa na xestión dos fondos públicos”, explicou a rexedora, quen destacou a alta demanda desta iniciativa, pois o pasado ano as propostas veciñais presentadas supoñían 1M€. Finalmente, foron seleccionadas 28 peticións para a mellora e dotación de equipamentos e espazos públicos en eidos como a educación, cultura, deporte ou emprendemento, entre outros, que están en execución.
Máis integración da cidade e o río co EDUSI
No Orzamento de 2019 contémplanse 4M€ para avanzar na implantación da estratexia DUSI, Muramiñae, da Muralla ao Miño, encamiñada a eliminar a discontinuidade urbana entre a cidade e o río, e impulsar o equilibrio socioeconómico norte-sur este-oeste de Lugo. Entre as actuacións previstas figura, segundo explicou a Alcaldesa, a posta en valor da cloaca romana achada na parte posterior da sala de exposicións Porta Miñá, a construción dun novo edificio sociocultural na zona de Lamas de Prado, a creación de piscinas termais (tamén un acordo do Pleno) e accións formativas e laborais.
Máis vangarda a través do rural
Así mesmo, continúa cunha partida de 1,8M€ a implantación do proxecto europeo Life Lugo+Biodinámico, que impulsa o desenvolvemento urbano sostible e a introdución dun novo modelo productivo en Galicia baseado no uso da madeira como material estrutural de construción. Con esta iniciativa, “aproveitamos unha das materias primas fundamentais de Lugo, a riqueza forestal, para xerar riqueza e emprego no rural, e, polo tanto, fixar poboación”, afirmou Lara Méndez. As actuacións previstas son a construción do primeiro edificio público de Galicia con madeira galega, denominado Impulso Verde, e a planificación urbanística do 1º barrio multiecolóxico de España.
Ademais do Life, o Orzamento prevé investimentos por 1M€ para a dotación e mellora de servizos nas 54 parroquias de Lugo, como iluminación, asfaltado, roza, abastecemento ou saneamento.
A Alcaldesa subliñou que o compromiso do Goberno local co rural contrasta co da Xunta, que, dos 5M€ que achegou neste mandato o Concello en concepto do canon da auga, que é finalista, reverteu “cero en investimentos en Lugo”. “Cremos na solidariedade territorial, pero polo menos unha porcentaxe deste canon que achegan os lucenses debe reinvestirse en Lugo”, recalcou Méndez.
Máis esforzo en políticas sociais
– Becas complementarias ás Erasmus
Entre os 28M€ destinados no Orzamento 2019 a políticas sociais, un 18% máis que no 2018, e o 30% do presuposto total, o Goberno inclúe este novo programa, dotado con 100.000€, co obxectivo de favorecer a mobilidade dos estudantes lucenses co fin de que melloren a súas competencias lingüísticas, culturais e profesionais cunha axuda económica que complementa as outorgadas polo programa Erasmus para financiar os gastos da estancia. “Queremos que ningún mozo ou moza lucense se quede sen desfrutar da oportunidade de formarse no estranxeiro por cuestións económicas”, asegurou a Alcaldesa.
A liña de axudas está pensada para atender a 75 mozos e mozas, empadroados no concello, cunha dotación económica dun mínimo de 100€ ao mes.
– 13M€ en competencias da Xunta: Benestar e Educación
Ás áreas Benestar Social e Educación, competencia da Xunta de Galicia, tal e como lembrou Lara Méndez, o Goberno destina 13M€, o que supón o 14% do Orzamento municipal.
En Benestar Social o importe ascende a 9M€, o que supón un incremento do 12% con respecto ao inicio do mandato, para prestar unha atención directa a máis de 25.000 persoas. En concreto, o servizo de Axuda no Fogar recibe 3M€ (500 usuarios); os 7 centros de convivencia municipais, 2,1M€ (uns 20.000 usuarios ao ano, só nas actividades de animación sociocultural municipais e atención de servizos sociais); as 70 prazas de centros de día, 700.000€; a Casa da Muller, 644.000€ (atende a máis de 3.000 mulleres ao ano); e emerxencia social, 300.000€ (con 1.400 persoas atendidas o pasado ano).
A consignación para Educación é de 3,7M€, un 30% máis que ao inicio do mandato, para a prestación, entre outros, do servizo de comedor escolar en 9 colexios públicos (900.000€ e 660 nenos e nenas usuarios, un 15% máis que no último curso); e das catro escolas infantís municipais e o cofinanciamento do novo centro de Garabolos (1,3M€ e un total de 320 prazas).
– Cultura: 5M€
O orzamento para a área de Cultura ascende a 5M€, un 24% máis que ao inicio do mandato, para o funcionamento da Rede de Museos Municipais e salas de exposicións (725.500€); o centro sociocultural O Vello Cárcere (534.000€); a Escola de Música (817.000€); a área de Xuventude (212.500€) e de turismo (1M€), entre outros servizos.
Neste eido, o Goberno, como subliñou a Alcaldesa, traballa no obxectivo de ampliar a todo o casco histórico a declaración de Patrimonio da Humanidade, un reto que conta co respaldo institucional recente do Ministerio de Turismo e para o cal o Concello firmará en breve un convenio coa Universidade de Santiago co fin de preparar a documentación precisa.
– Deportes: 4,4M€
O investimento en Deportes é de 4,4M€, o que supón un 34% máis que ao inicio do mandato. Inclúe unha nova infraestrutura, como é a instalación dunha cuberta desmontable na piscina exterior de Frigsa (1M€), o que permitirá que o número de usuarios se multiplique por 12. O Goberno plantexa un convenio a tres bandas entre o Concello, a Deputación e a Xunta, cunha achega por parte de cada unha das administracións de 333.000€, para materializar esta instalación, que atende tamén a un acordo do Pleno. O mantemento e mellora das instalacións deportivas conta con 1,1M€ e a promoción do deporte, 2,1.
– Dinamización económica e creación de emprego: 6M€
A Alcaldesa avanzou que neste eido o Goberno consigna 700.000€ para completar a modernización da Praza de Abastos coa terceira fase das obras, nas que se acondicionará o semisoto. “Continuamos coa aposta por potenciar este punto neurálxico social e económico que achega valor engadido a Lugo”, sinalou Méndez, cunha iniciativa que completa a remodelación exterior e da primeira planta acometida cun investimento de 1,4M€ do Plan Urban e cumpre outro acordo do Pleno.
A favorecer a inserción laboral, o Goberno dedica 5,3M€ para o plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking, Plan Mellora Lugo, obradoiros de emprego, o viveiro de empresas da Tinería, o CEI-Nodus e o Espazo Lab, entre outros.
Alto grao de execución
Pola súa banda, a Concelleira de Economía destacou que estes orzamentos “reflicten unha situación económica sostible, solvente e saneada, froito da xestión responsable que prioriza os investimentos nas persoas que desenvolveu este Goberno ao longo do mandato”.
Así mesmo, destacou o “bo grao de execución orzamentaria”. De feito, no exercizo de 2016 foi do 81%; no de 2017 (prorrogado), do 76%; e no de 2018, o gasto consignado elévase ao 89%.
Ana Prieto anunciou así mesmo que o Concello finalizou con resultado satisfactorio o Plan Económico Financeiro “que tivemos que aprobar o pasado ano para poder tramitar e someter a aprobación os Orzamentos do 2018, dado que no 2016 incumprimos a Regra de Gasto imposta polo Goberno central do PP ao incorporar a ese exercizo orzamentario remanentes de crédito para pagar as expropiacións da Ronda do Carme, por importe de máis de 4M€. É dicir, saldamos unha débeda histórica coa cidade xerada polo PP”.
Negociación con altura política
A Alcaldesa avanzou que de maneira inmediata se sentará a negociar este proxecto de Orzamentos con todos os grupos políticos da oposición, dos que espera “altura política para chegar a un acordo”, sobre todo ante o elevado número de propostas que contan co aval do Pleno: humanización da avenida Adolfo Suárez, plan integral de mellora da seguridade vial nos pasos de peóns, cuberta da piscina exterior de Frigsa e remate da modernización da Praza de Abastos, ademais do Plan de Barrios, que, como na edición pasada, recollerá moitas propostas acordadas pola Corporación.
“Sabendo da importancia fundamental que teñen uns orzamentos para todas administracións e, no noso caso, para seguir facendo Lugo, pedimos á oposición altura política; que poña a Lugo por encima dos intereses partidarios, e que levanten a man, non ás propostas do Goberno, senón ás propostas de toda a Corporación porque moitas delas están incluídas nestes Orzamentos. Espero acadar a confianza das distintas forzas políticas, e levar a Pleno o presuposto á maior brevidade posible, para así seguir construíndo Lugo e facendo máis para as persoas”, subliñou a Alcaldesa.
Audio
+INFO