A Xunta de Goberno aprobou este mércores distintos trámites correspondentes a oito expedientes de contratación de servizos municipais por importe de máis de 600.000€, o que ratifica o incremento da capacidade de xestión do Concello nesta materia, tal e como quedou reflectido no informe anual de Contratación do 2018, ano no que entraron en tramitación un total de 127 expedientes, un 60% máis que no anterior.
Así, segundo explicou a vicevoceira municipal, Carmen Basadre, quedou adxudicado o contrato de xestión do Vello Cárcere, co que o centro sociocultural pasará a contar con máis traballadores e servizos. Terá 10 profesionais para a prestación dos servizos de coordinación, recepción, tecnoloxía e audiovisual, divulgación artística, espazo didáctico e lecer infantil, con un total de 18.982 horas. A duración do contrato, adxudicado a Alenti Soluciones para Eventos, é de 5 anos, renovables ano a ano, e o importe anual ascende a 327.878€.
Ademais, a Xunta de Goberno prorrogou os contratos de subministro de productos de limpeza e de alimentación para o Fogar do Transeúnte –por un ano e por importe de 3.800 e 45.300€, respectivamente-; e o do servizo de roza de pistas da zona rural, que se realizarán de xuño a setembro cun orzamento de 97.920€, e abriu o proceso para a contratación do servizo de limpeza, reparación, mantemento e conservación das fontes ornamentais de Lugo por un período de catro anos, prorrogables por outro, e un orzamento de 73.000€ ao ano. Acordouse tamén a modificación do contrato correspondente á prestación do servizo de centro de día municipal para persoas maiores Antonio Gandoy para incluír no prezo o incremento salarial dos traballadores e traballadoras producido pola aprobación dun novo convenio colectivo sectorial de ámbito autonómico. Dito aumento supón 11.432,16€, co que o prezo anual do contrato queda fixado en 375.7744€.
Arde Lvcvs
Por outra banda, o Goberno aprobou a contratación para o Arde Lvcvs por 45.980€ do grupo Corvux Corax, unha das novidades importantes da multitudinaria festa de recreación histórica, que este ano se celebrará entre os días 14 e 16 de xuño. A agrupación alemana Corvux Corax revive o espírito de tempos pasados con melodías e sons de épocas ancestrais con tambores, percusións e gaitas deseñadas por eles mesmos. No documental da BBC The Crusades, presentado por Terry Jones de Monty Python, pódense escoitar os sons deste grupo, así como no videoxogo Dragon Age, e os productores de Juego de Tronos invitaron á banda a tocar en directo no set da aclamada serie. En Lugo, actuará na madrugada do domingo 16 de xuño na praza de Santa María.
Tamén en relación co Arde Lvcvs, Carmen Basadre explicou que a Xunta de Goberno aprobou o procedemento de licitación para autorizar a instalación de postos de venda de mercadorías e atraccións ecolóxicas infantís na Praza Maior durante este ano, prorrogables ata o 2022. Licítanse 59 parcelas para postos e dúas para atraccións infantís. As persoas interesadas poderán presentar oferta como máximo para dúas parcelas, pero só poderán ser adxudicatarias de unha, agás no caso das atraccións infantís ecolóxicas, que se poderán autorizar varias a un mesmo beneficiario no caso de que ditas atraccións sexan substancialmente diferentes a xuízo do servizo municipal de Xuventude mediante informe motivado. Por motivos de hixiene e salubridade, os postos que teñan productos comestibles, só poderán puxar polos que están situados na zona de pedra. O prazo de presentación de ofertas é de 15 días hábiles dende a publicación do anuncio de licitación no perfil do contratante.
Audio