O Goberno de Lara Méndez puxo en marcha esta iniciativa co obxectivo de darlle unha maior proxeción a Lugo cara a Europa aproveitando o Ano Santo
Os candidatos deberán enviar as súas propostas entre o 18 de xullo e o 10 de agosto. A valoración das mesmas efectuarase por un comité de expertos
220 artistas presentaron a súa candidatura para participar nos IPremios Connexio, espazos para a reflexión, cos que o Concello premiará seis proxectos de intervencións artísticas en seis igrexas situadas ao pé do Camiño Primitivo, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. A través desta iniciativa, o Goberno de Lara Méndez quere incorporar, con vistas ao vindeiro Ano Santo, a valorización deste itinerario xacobeo ao seu paso polo municipio como elemento dinamizador das artes e do talento, do patrimonio cultural, histórico e arquitectónico, do rural e dun turismo que busca experiencias diferentes.
O pasado 1 de xullo abriuse o prazo de preinscricións que finalizou este domingo con máis de 200 solicitudes. Ao longo desta semana, comunicaráselle a cada un dos e das candidatos/as, cuxa preinscrición fose recibida completa e correctamente, a confirmación de que foron aceptados/as na convocatoria, ao tempo que recibirán a información do espazo que terán que intervir (planos, fotos, localizacións, características, etc.) Para o envío dos proxectos, os candidatos disporán de 24 días naturais (do 18 de xullo ao 10 de agosto).
As intervencións artísticas desenvolveranse en seis igrexas situadas no Camiño Primitivo, ao seu paso por distintas parroquias de Lugo: Santa María en Gondar; Capela do Carme; San Xóan Alto; San Vicente en Burgo; San Miguel en Bacurín; e San Pedro de Abaixo en Mera. As mesmas foron elexidas por ser as que teñen máis valor histórico e patrimonial. Os proxectos que se exporán nestes templos, tanto no seu interior como no exterior, terán como obxectivo incitar a reflexionar sobre o que representa a peregrinación, o contacto co Camiño, así como a investigación e a exploración dos vínculos entre a arquitectura litúrxica e a arte contemporánea.
En total, outorgarase seis premios de 3.000 euros por cada unha das propostas de intervención artística, dotación que será abonada en dous prazos e irá destinada a cubrir os gastos de desenvolvemento, produción e execución (montaxe) da obra resultante da proposta premiada. Os artistas realizarán as súas intervencións dos espazos, que serán documentados tanto fotograficamente como en vídeo, durante o mes de setembro.
A valoración das solicitudes e a proposta de concesión efectuarase por un comité de expertos composto por comisarios, xestores culturais, persoal da Diocese de Lugo e como secretario do xurado, con voz pero sen voto, un técnico do Concello de Lugo. A concesión destes premios efectuarase fomentando a concorrencia competitiva, de acordo cos principios de obxectividade, transparencia e igualdade. Todas as propostas deberán ser especialmente respectuosas co patrimonio arquitectónico, a contorna e o medio ambiente.