A alcalesa e o edil de Desenvolvemento Local mantiveron un encontro este martes co artista Carlos Rodríguez Fernández, que desenvolverá a obra “Del hijo, la respiración” na Capela do Carme, coa colaboración dos membros da Confraría
O Concello está a grabar todo o proceso de montaxe que se está a levar a cabo nos seis templos para que este contido se poida visualizar a través de códigos QR na entrada das igrexas, así como nas redes sociais e na páxina web do proxecto
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, e o delegado de Patrimonio histórico-artístico e director do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, César Carnero, mantiveron un encontro este martes co artista Carlos Rodríguez Fernández, que desenvolverá a súa obra na Capela do Carme, no marco dos I Premios Connexio. No encontro tamén participaron o presidente da Confraría da Virxe do Carme, Antonio de los Ojos, e outros membros da mesma.
O certame, posto en marcha polo executivo municipal, premiou con 3.000 euros seis proxectos de intervencións artísticas en seis igrexas situadas ao pé do Camiño Primitivo, ao seu paso por distintas parroquias de Lugo: Santa María en Gondar; Capela do Carme; San Xóan Alto; San Vicente en Burgo; San Miguel en Bacurín; e San Pedro de Abaixo en Mera.
A rexedora explicou que “a principios de setembro os artistas comezaron a execución dos seus traballos, que estarán finalizados no mes de outubro”. “Dende o Concello estamos a grabar e documentar todo o proceso de montaxe das obras, para que logo este contido se poida visualizar a través dos códigos QR que serán instalados na entrada dos templos, así como a través das redes sociais e da páxina web do proxecto, alcanzando unha proxección internacional”, sinalou.
A través desta iniciativa pioneira en España, o Concello quere pór en valor o itinerario xacobeo con vistas ao vindeiro Ano Santo como elemento dinamizador das artes e do talento e do patrimonio cultural, histórico e arquitectónico do rural, así como desenvolver unha aposta por un turismo que busca experiencias diferentes. Búscase, así mesmo, converter o Camiño Primitivo, ao seu paso por Lugo, nun museo da arte contemporánea, achegando un reclamo máis para que os visitantes e peregrinos escollan esta ruta xacobea, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no 2015.
En total, máis de 220 artistas participaron nesta convocatoria que saíu tamén fóra do país xa que os proxectos candidatos corresponderon a artistas residentes en España, pero tamén en Reino Unido e Alemaña.
O artista
Carlos Rodríguez-Méndez (Pontevedra, 1968) leva expondo as súas obras desde hai 17 anos por toda España, pero tamén en Latinoamérica, Europa e Nova York. Este recoñecido artista proxecta na Capela lucense unha intervención que baixo o nome de ‘Del hijo, la respiración’, contará para o seu desenvolvemento coa colaboración dos membros da Cofradía da Virxe do Carmen. O xurado valorou da súa proposta “a súa capacidade para sintetizar nos seus proposta aspectos conceptuais relativos á tradición e a forma de entender o espazo na resolución formal”.
A obra “Del hijo, la respiración”
Rodríguez-Méndez propón para esta capela a creación de dúas superficies de tea de 9×6 m sobre bastidores que serán colocadas nos laterais do interior da Capela do Carmen. Estes lenzos conterán no seu parte superior aceite que será entregado polos membros da confraría do Carmen e depositado nunha vasilla disposta no interior da igrexa. En “Del hijo, la respiración” o aceite vaise desvelando verticalmente pola superficie da tea, como unha presenza que se descobre lentamente e que fala dun peso, unha forma corporal sutil estendida construíndo á súa vez un paradoxal e vívido plano.