A nova dotación municipal disporá dunha programación propia orientada a todos os publicos, que se prolongará ata finais de ano, momento a partir do cal entrará en funcionamento o Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving.
Ademais o Goberno lcoal porgrama para outono varias sesións orientadas a profesionais e axentes especializados no sector artístico que servirán para divulgar o proxecto e supoñerán a antesala do que será o funcionamento ordinario.
Alvarellos: “Este centro será un punto de nacemento de proxectos e un catalizador para a creatividade, a colaboración e o desenvolvemento profesional no ámbito artístico ao tempo que axudará a incentivar o ocio cultural e rexenerará unha zona estratéxica de Lugo”.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, anunciou hoxe que o Coliving artístico municipal empezará a funcionar ao longo das vindeiras semanas. Deste xeito, a nova dotación comvertirase durante os vindeiros meses nun eixo dinamizador da cultura do barrio do Carme e da contorna. Durante unha visita a instalación, a rexedora explicou que “nesta fase inicial de posta en marcha do Coliving apostamos por impulsar a organización de eventos e actividades para dar a coñecer o edificio entre a cidadanía, as comunidades artísticas e os axentes culturais da comunidade”.
Así, o Concello organizará unha serie de citas culturais e artísticas ao longo dos vindeiros meses e ata final de ano que servirán para divulgar o novo equipamento. “As primeras actividades, que se desenvolverán este verán, están orientadas a un público familiar. Mentres que os eventos programados para o outono se dirixen ao sector profesional e supoñerán a antesala do que será o funcionamento ordinario do colinving a partir de 2025 cando se prevé que entre en funcionamentoo Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving”, explicou Alvarellos.
De feito, haberá un taller de recoñecemento natural da contorna do Coliving, a cargo dunha artista contemporánea e paisaxista experta en vexetación urbana como é Noa Rodríguez. Así mesmo, o Executivo de Paula Alvarellos organiza para o mes de xullo un paseo dinamizado polo Carme e exploración botánica urbana. Nestes meses haberá tamén un concerto acústico exterior inspirado na música tradicional lírica galega, a cargo da artista Nebra con son en directo ao aire libre que tamén terá lugar este verán.
Polo tanto, durante o outono celebrarase un taller interactivo centrado na exploración da contorna e a creatividade a través da pedagoxía do lugar, promovendo así a conexión coa natureza e o uso do coliving. Este obradoiro estará dirixido a nenos e familias e incluirá actividades prácticas como debuxo, construción e exploración sensorial. Ademais, durante este periodo, e aproveitamento as caracteristicas do edificio anexo ao coliving, este funcionará como espazo expositivo. Así, as obras expostas aloxaranse no interior do inmoble mentres que o público poderá contemplalas desde a zona pública axardinada, seguindo así o modelo de éxito implementado nos Storefront de cidades referente como Nova Yorke ou Oporto.
Estes eventos terán como obxectivo unha aproximación á cidadanía e ao tecido artístico local. “Definimos unha estratexia dirixida á co-creación participativa do proxecto, procurando un equilibrio entre o encontro de axentes especializados e a exhibición de talento local en áreas relacionadas con diversas disciplinas artísticas e a creación contemporánea”, explicou Mauricio Repetto.
Así mesmo, o edil subliñou que “a programación completarase con dúas sesións de co-deseño con axentes profesionais”. Nestas sesións contarase coa presenza de diferentes axentes referentes do sector co fin de establecer visións, feedback e conclusións ao proceso de deseño e desenvolvemento do coliving artístico e, á súa vez, a situalo no mapa cultural. En cada unha destas sesións abordarase un tema específico. Nunha delas o tema xirará ao redor da xestión de diferentes tipos de residencias artísticas; mentres que a outra versará en torno ao traballo desde o local cara ao europeo. A maiores nestes dous eventos haberá unha mesa de micro-conferencias abertas ao público que mostren referencias de éxito e unha posterior mesa de traballo con dinámicas de co-deseño.
“Ao mesmo tempo xa se está a elaborar o documento técnico regulador que establece as bases das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving, tomando como base as guías de boas prácticas establecidas por diferentes institucións de recoñecido prestixio”, avanzou a rexedora. Estas bases regularán a convocatoria para que as e os artistas interesados poidan optar a becas coas que acceder ao Coliving durante tres meses, durante os que desenvolver a súa obra que despois mostrarán ao público e á cidadanía lucense na zona expositiva deste novo equipamento.
De forma complementaria, o Goberno local tarballa na equipación de mobiliario e menaxe para o desenvolvento da vida cotiá durante os periodos de residencia. O centro poderá acoller a tres artisitas de forma simultanea. Ademais, Repetto destacou que o Coliving artístico contará co acompañamento profesional e empresarial do CEI-Nodus, de modo que se ofrecerá asesoramento aos residentes que así o desexen para poñer en marcha novos proxectos empresariais na cidade.
Características da infraestrutura
O proxecto supuxo a recuperación da que fora a vivenda do pintor e escultor Gómez Pacios -situada ao pé do Camiño Primitivo- e a construción dunha nova edificación que será área expositiva, así como a recuperación de 3.000 m2 de zonas verdes ao seu carón, que se habilitarán como zona cultural aberta a toda a cidadanía e que contará con programación propia.
Deste xeito, reformouse a construción existente, que dispón actualmente de tres habitacións e doutros espazos comúns, áreas de traballo e talleres; ao tempo que se ampliou o equipamento coa creación dun novo edificio independente, de madeira e cristal para incrementar a sensación de lixeireza e evitar que resulte invasivo na paisaxe e que, á súa vez, actuará como escenario de concertos, teatro e mostra do labor dos e das artistas residentes.
Trátase dunha intervención totalmente respectuosa coa contorna, que supuxo un investimento de 490.978 €, financiada nun 80% con fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, o Coliving é un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, encamiñada a unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para conseguir unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.
O proxecto nace da aposta decidida do Concello pola cultura como elemento dinamizador da economía local e tamén como unha das accións deseñadas para poñer en valor e revitalizar o barrio do Carme. Neste senso, a alcaldesa lembrou que “se suma a outras actuacións como a peonalización e humanización da praza e a rúa do Carme ou a rehabilitación e musealización da Cloaca Romana de Porta Miñá, coas que queremos dar un novo pulo a esta zona emblemática do municipio”.