A rexedora puxo en valor a marca de doces gourmet liderada polos emprendedores Aitor e Laura Castro aos que o executivo municipal cedeu un local no viveiro do CEI en 2022.
“Este logro é reflexo do talento, a calidade e a creatividade que temos na nosa cidade, e que apoiamos dende o Executivo, así como do compromiso pola excelencia”, indicou.
Mauricio Repetto: “Perusiñas é unha das numerosas firmas que naceron ao amparo do noso viveiro de empresas municipal, unha clara mostra da aposta do goberno local polo fomento da innovación e a cultura emprendedora en Lugo”.
Os «Great Taste Awards» son un prestixioso concurso de alimentación e bebidas recoñecido internacionalmente que celebra a excelencia no mundo culinario.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, felicitou á firma lucense Perusiñas, instalada no CEI-Nodus, polo doble recoñecemento obtido nos premios Grate Taste Awards. A rexedora puxo en valor a marca de doces gourmet liderada polos emprendedores Aitor Castro e Laura Castro aos que o executivo municipal cedeu un local neste viveiro de empresas municipal en 2022.
Na súa primeira participación neste certame Perusiñas obtivo unha estrela en dous dos seus produtos: as perusiñas de manteiga, das cales o xurado destaca o auténtico sabor a manteiga, así como a calidade da súa textura e un aroma exquisitamente equilibrado; e as perusiñas de canela, destacando o potente sabor a canela, a súa textura etérea e especialmente renxente pero coa dozura exacta que levou aos xuíces a conceder este galardón.
“Este logro é reflexo do talento, a calidade e a creatividade que atesouramos na nosa cidade e que, como non podía ser doutro xeito, apoiamos dende o Goberno Local”, subliñou a rexedora quen resaltou “o compromiso pola excelencia dos emprendedores lucenses que traspasa fronteiras e sitúa a Lugo no mapa mundial da gastronomía e a repostería, neste caso”.
Así mesmo, Alvarellos agradeceu aos irmáns Castro “a súa dedicación e paixón polo seu traballo”, que desenvolven nun obrador no CEI-Nodus, dende o cal xa conseguiron internacionalizar o seu produto, con envíos a paises como Francia ou Bélxica, tras acadar os 160 puntos de venta en España. “A vosa traxectoria é un claro exemplo de como o traballo ben feito e a paixón polo que se fai poden levar a alcanzar metas extraordinarias”, apuntou a rexedora.
Os «Great Taste Awards» son un prestixioso concurso de alimentación e bebidas recoñecido internacionalmente que celebra a excelencia no mundo culinario. Está organizado polo Guild of Fine Food, unha asociación comercial británica que promove e apoia aos produtores de alimentos e bebidas artesanais e especializados. Unicamente 4 galletas doces de orixe española foron premiadas este ano, copando por tanto, Perusiñas o 50% dos premios.
Pola súa banda, o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto salientou o respaldo do Concello a iniciativas coma Perusiñas “que xeran valor e riqueza na cidade e contribúen a situarnos no mapa nacional e internacional” e lembrou que “esta é unha das numerosas firmas que naceron ao amparo do noso viveiro de empresas municipal, unha clara mostra da aposta do goberno local polo fomento da innovación e a cultura emprendedora en Lugo”.
Finalmente, subliñou “o compromiso pola sostibilidade da marca Perusiñas, que dende os seus inicios apostou polos produtos e materias primas de proximidade e pola embalaxe sen plásticos, empregando tarros de vidro que poden ser devoltos polos clientes no punto de venta para a súa reutilización, fomentando a retornabilidade do envase e evitando o seu desperdicio”. “Uns valores de respecto ambiental e aposta polo local, que compartimos dende o executivo municipal”, lembrou Repetto.