Esta ferramenta enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino «Et Edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía», financiado con fondos europeos.
Paula Alvarellos: “Queremos que Lugo sexa percibido como un destino imprescindible para os amantes da cultura, a historia e, especialmente, a gastronomía e os viños galegos”.
O plan inclúe numerosas actuacións como a implementación de roteiros de sendeirismo homologados; a creación dun programa de dinamización para o Centro de Enogastronomía que se porá en marcha na Fábrica da Luz, ou campañas publicitarias.
A elaboración deste documento veu precedida dun amplo traballo de investigación e diagnose da situación turística do municipio, ademais dun proceso participativo.
O Executivo de Paula Alvarellos porá en marcha un ambicioso plan de marketing enmarcado no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), «Et Edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía», para o que o Goberno Local acadou unha achega de 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation. “Esta ferramenta será a folla de ruta que seguiremos nos vindeiros anos, co obxectivo de potenciar Lugo como un destino sostible, atractivo e auténtico, que sexa amplamente recoñecido polo seu potencial cultural e histórico, a súa contorna natural, e a súa destacada enogastronomía”, explicou a rexedora.
“Queremos que Lugo sexa percibido como un destino imprescindible para os amantes da cultura, a historia e, especialmente, a gastronomía e os viños galegos. Un lugar onde os visitantes poidan gozar de experiencias culinarias auténticas e de alta calidade, nunha contorna acolledora e familiar”, apuntou Alvarellos.
Deste xeito, co plan de marketing buscase posicionar o municipio como un destino turístico de referencia no ámbito enogastronómico, recoñecido pola súa combinación única de patrimonio histórico, cultura e unha oferta culinaria de alta calidade. Neste senso, o obxectivo principal do plan será crear produtos turísticos que ofrezan unha experiencia completa da identidade de Lugo, combinando visitas a sitios históricos e culturais con experiencias gastronómicas que destacan os sabores locais e as tradicións culinarias.
Esta folla de ruta estruturarase ao redor de tres eixos estratéxicos: o eixo verde, relacionado coa contorna rural e a sustentabilidade; o eixo marrón, relacionado coas actividades turísticas históricas e culturais; e o eixo azul, relacionado coas actividades enogastronómicas. E, finalmente, un eixo de gobernanza e xestión, que xestione os recursos do municipio.
Dentro de cada un destes eixos desenvolveranse numerosas actuacións como a dinamización e implementación de roteiros de sendeirismo homologados e actividades de cicloturismo (Eixo verde); a creación dun portal turístico cultural oficial de Lugo (Eixo marrón); a creación dun programa de dinamización para o Centro de Enogastronomía que se porá en marcha na Fábrica da Luz (Eixo azul); ou o lanzamento de campañas de imagen de marca (Eixo de gobernanza e xestión).
“O obxectivo principal é impulsar o turismo en Lugo de maneira desestacionalizada, integrada e sostible, aproveitando os nosos recursos enogastronómicos, patrimoniais, culturais e naturais, mentres potenciamos a nosa identidade única e atractiva para diferentes segmentos de turistas”, explicou o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto.
Por outra banda, o concelleiro subliñou que outro dos obxectivos é promover a cidade de Lugo e a súa contorna como destino para eventos, congresos, reunións e viaxes de incentivos. “Así, traballarase en atraer a organizadores de eventos e profesionais do sector MICE (Meetings, Incentives, Conferences, Exhibitions) para que elixan Lugo como sede para as súas actividades, entre outras das accións que contempla este plan de marketing”, subliñou.
“A elaboración deste documento veu precedida dun amplo traballo de investigación e diagnose da situación turística actual do municipio. Deste xeito realizouse un análise da evolución do sector en Lugo, os actores clave, os seus atractivos e valores como destino, e o seu posicionamento no mercado nacional e internacional”, explicou Repetto.
Ademais, activouse un proceso participativo no que se convidou a participar a todos aqueles actores que conforman o tecido empresarial do municipio estreitamente vinculado ao sector turístico, co fin de coñecer a súa experiencia e perspectiva. O proceso participativo iniciouse coa realización dun Focus Group formado por representantes de diferentes administracións públicas, técnicos relacionados coa execución do PSTD e os representantes das principais agrupacións lucenses relacionadas co sector. Tamén se realizaron entrevistas a representantes sectoriais e enquisas a operadores turísticos.
Et edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía
O Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) «Et Edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía» foi incluído nos orzamentos de 2024, reforzando o apoio económico necesario para a súa implementación. Este plan enmárcase dentro da Estratexia de Sostibilidade Turística en Destinos (ESTD), parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado con Fondos NextGenerationEU. A través desta estratexia, o Concello de Lugo busca non só mellorar a oferta turística, senón tamén promover a conservación e valorización do seu patrimonio enogastronómico. As accións incluídas no PSTD abordan diversas áreas, desde a mellora de infraestruturas ata a formación e promoción, co fin de crear un destino turístico sostible e atractivo.
O obxectivo principal deste plan é converter Lugo nun referente gastronómico e cultural, atendendo ao forte compoñente histórico da cidade, mediante a transformación do sector e a xeración de produtos e experiencias turísticas innovadoras que xeren un relato singular que achegue valor para os turistas. Outra das súas principais finalidades será aproveitar ese impulso para a xeración de emprego, mediante a creación de empresas e proxectos que poñan en valor os recursos gastronómicos, culturais e medioambientais, facendo de Lugo un destino competitivo a nivel nacional e internacional cunha demanda non estacional. Por último, busca redefinir o modelo de desenvolvemento turístico, cara un patrón máis sostible, reducindo a pegada de carbono nas actividades turísticas e acelerando os procesos de dixitalización do sector.