A actividade levarase a cabo da man do colectivo A Escola Imaxinada, composto por profesionais do campo das artes, a arquitectura, a filosofía e a educación infantil e primaria.
Mauricio Repetto: “A cita forma parte da programación que deseñamos dende o Executivo municipal ata final de ano para dar a coñecer esta nova dotación e fomentar o seu uso”.
Para asistir será preciso inscribirse a través do enderezo electrónico cam@lugo.gal As prazas, 25 en total, cubriranse por rigorosa orde de entrada das solicitudes.
O Coliving Artístico Municipal, situado no barrio do Carme, acollerá o vindeiro sábado, 14 de setembro, un obradoiro para achegar á creación plástica contemporánea a nenos e nenas de 4 a 9 anos. Así o avanzou o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen explicou que “a actividade levarase a cabo da man do colectivo A Escola Imaxinada, composto por profesionais do campo das artes, a arquitectura, a filosofía e a educación infantil e primaria”.
“Este obradoiro forma parte da programación que deseñamos dende o Executivo municipal ata final de ano para dar a coñecer esta nova dotación e fomentar o seu uso, mentres que en 2025, prevese que entre en funcionamento o Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving”, apuntou Repetto.
Baixo o título “O Gran Teatro da Natureza” a actividade combinará accións artísticas como coser, debuxar, ensamblar ou recortar mediante as que se irá recoñecendo o entorno natural do Barrio do Carme, creando un escenario colectivo entre os procesos desenvoltos. Desenvolverase en horario de 10:00 a 13:30 horas e estará destinado a un máximo de 25 participantes. Para asistir será preciso inscribirse previamente a través do enderezo electrónico cam@lugo.gal As prazas cubriranse por rigorosa orde de entrada das solicitudes.
O Coliving do Carme, inaugurado en xuño, está deseñado para ser un catalizador da cretividade e do desenvolvemento profesional no ámbito artístico e cultural, pero tamén para contribuír á rexeneración desta zona estratéxica de Lugo. En 2025, espérase que entre en funcionamento o Regulamento de Residencias Artísticas Internacionais, o que permitirá a artistas de todo o mundo optar a bolsas para desenvolver os seus proxectos neste espazo durante tres meses.
Así, xa se están a elaborar as bases que regularán a convocatoria destas residencias, para que as e os artistas interesados poidan optar a becas coas que acceder ao Coliving durante tres meses, para desenvolver a súa obra que despois mostrarán ao público na área expositiva deste mesmo centro.
A Escola Imaxinada
Escola imaxinada é un colectivo independente e sen ánimo de lucro composto por profesionais do campo das artes, a arquitectura, a filosofía e a educación infantil e primaria e cuxos obxectivos son: achegar ás escolas metodoloxías baseadas nas artes e contribuír ao deseño de espazos e recursos educativos de calidade.
Con base na Facultade de Formación de Profesorado de Lugo levan a cabo propostas prácticas colaborando coas escolas, recuperando a idea de taller ou laboratorio, onde a aprendizaxe se produce a través da experiencia e do xogo. Son propostas nas que o profesorado acompaña aos nenos e nenas, dándolle materiais, facendo preguntas, respectando os seus tempos e a súa diversidade e non adiantándose a un resultado prefixado.
Na actualidade atópanse desenvolvendo o proxecto O laboratorio de formas rural, premiado por Art For Change da Fundación La Caixa.
O colectivo está composto por Vicente Blanco, artista e profesor da área de Expresión Visual e Plástica (USC); Salvador Cidrás, artista e profesor da área de Expresión Visual (USC); e Estella Freire, arquitecta e profesora da área de Expresión Plástica (USC).