A cita terá lugar a partir das 19:30 horas con acceso libre. Trátase dun proxecto inédito producido para o CAM de Lugo que se poderá contemplar no edificio acristalado.
Repetto: “Este proxecto forma parte da programación que deseñamos dende o Goberno Local ata final de ano para dar a coñecer esta nova dotación e fomentar o seu uso”.
O Coliving Municipal do Carme acollerá este mércores, a partir das 19:30 horas, a inauguración da obra ‘Distinta, pero a mesma’ da artista lucense Sabela Eiriz. “Trátase dunha intervención inédita e site-specific producida para o CAM de Lugo”, explicou o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen invitou á cidadanía a achegarse e contemplar a obra, composta por varias imaxes instaladas no edificio acristalado.
“Este proxecto forma parte da programación que deseñamos dende o Executivo municipal ata final de ano para dar a coñecer esta nova dotación e fomentar o seu uso, mentres que en 2025, prevese que entre en funcionamento o Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving”, lembrou Repetto.
O Coliving do Carme, inaugurado en xuño, está deseñado para ser un catalizador da cretividade e do desenvolvemento profesional no ámbito artístico e cultural, pero tamén para contribuír á rexeneración desta zona estratéxica de Lugo. En 2025, espérase que entre en funcionamento o Regulamento de Residencias Artísticas Internacionais, o que permitirá a artistas de todo o mundo optar a bolsas para desenvolver os seus proxectos neste espazo durante tres meses.
Así, xa se están a elaborar as bases que regularán a convocatoria destas residencias, para que as e os artistas interesados poidan optar a becas coas que acceder ao Coliving durante tres meses, para desenvolver a súa obra que despois mostrarán ao público na área expositiva deste mesmo centro.
‘Distinta, pero a mesma’ explora o vínculo entre o humano e o natural a través dun pequeno xesto: a man que altera a superficie da auga e o río que deixa a súa pegada na pel. A vibración é unha conversa silenciosa entre dous elementos que se recoñecen e que se transforman mutuamente. Inspirándose na idea de Heráclito de que ninguén pode cruzar o mesmo río dúas veces, esta serie de fotografías afonda nese cambio constante fronte a algo que perdura: o movemento deixa ver o que permanece (e viceversa).
A instalación das imaxes ocupa o oco acristalado do CAM, un lugar a medio camiño entre o río e o centro da cidade, continuamente cambiante coa luz e a natureza que o arrodea. As teas sobre as que están impresas as fotografías permanecen susceptibles ás condicións lumínicas e atmosféricas invitando a contemplar non só o cambio, senón a súa resonancia interna dende o exterior do edificio.
A artista
Sabela Eiriz (Lugo, 1991) Como artista multidisciplinar traballa fundamentalmente con fotografía, escritura e vídeo. A súa linguaxe baséase na poética, nas posibilidades expresivas das imaxes e na hibridación de formas e de formatos. Por outro lado, a súa experiencia e formación en cine e nas artes escénicas aportan unha dimensión corporal e sonora a moitos dos seus proxectos.
Combina unha aproximación conceptual cun hábito contemplativo: o seu traballo responde á contorna que a rodea, tomando as experiencias e as emocións como puntos de partida, especialmente arredor da memoria, o baleiro e os vínculos, así como a metarreflexión sobre a imaxe e os seus usos.