Desenvolve Lugo

Lupa

O Executivo de Alvarellos impulsa o sector turístico e enogastronómico a través dun programa destinado a acelerar proxectos innovadores

A iniciativa, baixo o nome TurisTalent 5.0, combinará –ao longo de 9 meses– formación, asesoramento especializado e búsqueda de financiación para impulsar o talento local.

Alvarellos: “Permitirá canalizar e identificar todos os recursos e ferramentas do ecosistema emprendedor, para poñelos ao dispor dos emprendedores/as e os seus proxectos”.

O programa enmárcase no Plan de Sostenibilidade Turística en Destino “…Et Edendo, Lucus”, para o que o Goberno Local acadou 2 millóns de euros de fondos europeos.

Os proxectos que sexan aceptados polo Comité Técnico de TurisTalent 5.0 poderán incoporarase á aceleradora que se ubicará no edificio Impulso Verde, na Garaballa.

O Executivo de Paula Alvarellos porá en marcha un programa de aceleración de proxectos empresariais innovadores no sector turístico e enogastronómico denominado TurisTalent 5.0. “O obxectivo desta iniciativa será impulsar proxectos innovadores e susceptibles de atrer investimentos, acompañándoos na validación das súas propostas, a posta en marcha, a maduración e a procura de financiación”. “Deste xeito pretendemos dinamizar un sector que aínda ten moito marxe de crecemento na nosa cidade o que sen dúbida vai a contribuír a xerar emprego, fixar poboación e reforzar a nosa economía local”, explicou a rexedora.

“Esta aceleradora busca converterse nun espazo de referencia do emprendemento no sector turístico e enogastronómico en Lugo xa que permitirá identificar e canalizar todos os recursos e ferramentas do ecosistema emprendedor, tanto a nivel público como privado, co obxectivo de poñelos ao dispor dos emprendedores/as participantes e os seus proxectos” agregou.

A iniciativa enmárcase no Plan de Sostenibilidade Turística en Destino “…Et Edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía”, para o que o Goberno Local acadou 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation. O Executivo de Alvarellos aprobará próximamente en Xunta de Goberno Local a licitación do programa, que contará cun importante investimento que superará os 167.000 euros para a súa xestión e posta en marcha.

“Precisamente porque é unha aceleradora pública, non só busca proxectos invertibles e rendibles cos que obter un retorno dos investimentos, senón que entre os seus principais obxectivos tamén se atopa impulsar e apoiar a creación de novas empresas no sector turístico e enogastronómico; diversificar e modernizar o tecido empresarial lucense; a creación de emprego cualificado atraendo e retendo talento; ao tempo que identificamos e impulsamos ideas de negocio con posibilidades de éxito nestes sectores”, engadiu Alvarellos.

Pola súa banda, o edil de Dinamización Económica apuntou que se trata “dun programa de alto rendemento de nove meses de duración que combinará, baixo a supervisión dun equipo de expertos: formación, tutorización, mentoring, asesoramento especializado e procura de financiamento, co fin de poder validar as propostas, arrincar e acelerar as iniciativas empresariais que participan nel”.

Ao longo deste programa, avaliaranse os progresos dos equipos participantes coa finalidade de que os proxectos sexan presentados a investidores e/ou socios industriais e/ou tecnolóxicos. “Trátase de elixir ben as ideas, pero sobre todo poñer a súa atención nos equipos, apostando pola colaboración multidisciplinar entre persoas e mesmo proxectos”, apuntou Repetto.

Esta iniciativa busca promover o emprendemento turístico e enogastronómico orientado cara á sustentabilidade e enfocado nos recursos turísticos e enogastronómicos endóxenos (patrimonio, natureza, gastronomía, produtos, materias primas, actividades que obriguen a pernoitar, etc.). Deste xeito, preténdese articular un mecanismo de xeración de talento na actividade turística e especialmente na parte enogastronómica.

“Queremos fomentar novos talentos no turismo e a enogastronomía que se especialicen en proporcionar distintos servizos e produtos que permitan que os visitantes teñan unha experiencia aínda máis enriquecedora ao momento de visitar o municipio e que desencadean aínda máis actividade no sector”, concluíu o edil.

As fases do programa

  1. Convocatoria: Esta fase discorrerá dende o momento que se lance a convocatoria pública de captación de proxectos emprendedores ata que se publique a listaxe de proxectos elexidos que participarán na Fase II: Talent Day.
  2. Talent Day: A fase de pre-aceleración Talent Day consitirá na organización dunha serie de actividades e dinámicas de grupo que permitirán avaliar as habilidades e competencias dos/as participantes.
  3. Academia: Os proxectos aprobados que sexan aceptados polo Comité Técnico de TurisTalent poderán incoporarase á aceleradora que se ubicará no edificio Impulso Verde, situado na Garaballa.
  4. Turistalent Day: Haberá un evento final para seleccionar os proxectos que pasarán á fase de aceleración.
  5. Aceleración: Tras a celebración do Turistalent Day, os proxectos seleccionados polo Comité Técnico e que acrediten os compromisos descritos nas bases da convocatoria poderán incorporarse á fase de Aceleración.
  6.  Investors Day: Os proxectos que superen satisfactoriamente a fase de aceleración poderán presentar o seu proxecto ante un panel de inversores no Investors Day.
Scroll al inicio