A iniciativa, promovida polo Executivo de Paula Alvarellos, desenvolverase na Praza Maior dende este xoves ata o vindeiro 5 de xaneiro, co obxectivo de dinamizar o comercio.
“Queremos que este Nadal, os negocios de Lugo teñan unha plataforma única para exhibir a calidade e variedade dos seus produtos”, lembrou Mauricio Repetto.
O Mercado de Nadal contará con casetas decoradas, iluminación especial e un horario amplo: de 11:00 a 14:30 horas e de 16:30 a 21:00 horas.
O mercado Nadalmente Lucense, promovido polo Executivo de Paula Alvarellos, abrirá as súas portas oficialmente este xoves cunha chocolatada navideña, a visita de Mamá e Papá Noel e diferentes actividades destinadas ás familias e ao público infantil; ademais dunha sesión musical, a partir das 20:00 horas, co DJ Fetén.
Así o avanzou o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen subliñou que “esta iniciativa, consolidada como un dos puntos de referencia das festas na cidade, busca dinamizar o comercio de proximidade e converter o centro nun espazo cheo de vida e ilusión durante as datas do Nadal”.
O concelleiro lembrou o impacto positivo deste mercado para o comercio local: “Queremos que este Nadal, os negocios de Lugo teñan unha plataforma única para exhibir a calidade e variedade dos seus produtos. Ademais, contribuímos a facer da nosa cidade un referente en experiencias navideñas”.
Neste senso, convidou a toda a cidadanía a achegarse ao mercadiño situado no Praza Maior, “co que dende o Concello queremos encher de maxia e calor estas datas tan especiais”. “Ademais de ofrecer unha experiencia única para toda a familia, este mercadiño é unha oportunidade marabillosa para apoiar o noso comercio local e artesáns, que poñen todo o seu esforzo e creatividade en cada produto”, subliñou.
“O mercadiño Nadalmente Lucense non só é un lugar para atopar agasallos orixinais e feitos con mimo, senón tamén unha oportunidade para fortalecer a economía local e poñer en valor o talento dos nosos emprendedores e emprendedoras”, apuntou Repetto.
Ademais, o edil puxo en valor “o traballo constante que levamos a cabo dende o Goberno local para impulsar iniciativas de apoio ao comercio de proximidade, tanto en datas sinaladas como en outros momentos de menor intensidade nos que é importante desestacionalizar a demanda”. “Para este executivo é fundamental respaldar este sector estratéxico, xerador de emprego e motor da cidade”, refrendou.
Por outra banda, o edil lembrou que, como novidade, este ano o Concello de Lugo reservou un espazo no mercado para a celebración do Diversiarte, que este ano a Concellería de Benestar Social optou por levar ao Mercado de Nadal, co fin de fomentar a inclusión e a visibilización de colectivos de persoas con capacidades diferentes, tanto do seu labor como da súa actividade, favorecendo ao mesmo tempo unha maior integración co tecido empresarial e social de Lugo. “Paralelamente, se pon a disposición das asociacións lucenses durante o mesmo período de Nadal o local municipal do viveiro de empresas da Tinería, que poderá ser empregado por quendas”, concluíu.