‘Salus Lugo’ é o novo obradoiro dual de emprego que promove a área de Dinamización Económica do Concello, a través dunha subvención autonómica de 421.000 euros.
A formación, de nove meses, será impartida nas dependencias do CEI Nodus e estará complementada con traballo efectivo nos centros de Aspnais, Cogami e San Vicente de Paul.
Os participantes, persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, serán remunerados co salario mínimo interprofesional.
O Executivo de Paula Alvarellos porá en marcha o vindeiro venres o obradoiro ‘Salus Lugo’ co que formará a 20 lucenses no ámbito sociosanitario e socioeducativo para a atención a persoas dependentes en institucións sociais e a promoción e intervención socioeducativa con persoas con diversidade funcional. Trátase do novo obradoiro dual de emprego, promovido pola área de Dinamización Económica do Concello, a través dunha subvención autonómica de 421.000 euros.
Tras finalizar o proceso de selección tanto do alumnado participante, como do persoal docente e directivo do curso, este próximo venres comezará a formación, dirixida a persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, que terá unha duración de nove meses. Os participantes estarán remunerados co salario mínimo interprofesional (SMI).
A formación será impartida nas dependencias do CEI Nodus e complementarase con traballo efectivo nos centros da Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual (Aspnais), Cogami Lugo e San Vicente de Paul.
O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, lembrou que “a formación de novos profesionais no ámbito sociosanitario e socioeducativo é esencial para garantir un futuro onde todas as persoas dependentes reciban a atención que merecen”. “Como comunidade, debemos seguir apostando pola mellora constante dos servizos que ofrecemos, e iso pasa necesariamente por investir na formación e capacitación de quen está en primeira liña de atención”, engadiu.
O obradoiro, contará, deste xeito, con dúas especialidades: Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, que permitirá obter un certificado de profesionalidade de Nivel 2 e disporá de 10 prazas; e Promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade, que habilitará para a obtención dun certificado de profesionalidade de Nivel 3 e contará con outras 10 prazas.
Especialidade pioneira en Lugo
A especialidade de ‘Promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade’ impartirase por primeira vez na provincia de Lugo, “sendo unha grandísima oportunidade para poder contar con profesionais -como integradores sociais, monitores de servizos á comunidade ou educadores de persoas con discapacidade- que poidan axudar ás persoas con diversidade funcional a acadar o maior grao de autonomía persoal e inclusión no ámbito educativo e social”, apuntou Repetto.