A iniciativa combinará –ao longo de 9 meses– formación, asesoramento especializado e búsqueda de financiación para impulsar o talento local.
O comité de selección estará integrado por técnicos de diferentes servizos municipais e da USC, que valorarán a idoneidade das candidaturas para impulsar esta iniciativa.
Alvarellos: “O interese xerado por esta convocatoria demostra que Lugo é percibido como un espazo de oportunidades para o emprendemento no ámbito turístico”.
O programa enmárcase no Plan de Sostenibilidade Turística en Destino “…Et Edendo, Lucus”, para o que o Goberno Local acadou 2 millóns de euros de fondos europeos.
O Executivo de Paula Alvarellos avanza no lanzamento do programa de aceleración TurisTalent 5.0 tras recibir seis ofertas para a súa xestión. Estas propostas serán avaliadas por un comité de expertos mixto, integrado por técnicos de diferentes departamentos municipais e da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que valorará a idoneidade das candidaturas para impulsar esta iniciativa, co obxectivo de adxudicar o contrato nas próximas semanas.
Así o informou este mércores a alcaldesa Paula Alvarellos, quen resaltou o interese xerado por esta convocatoria, subliñando que «o feito de recibir seis ofertas para a súa xestión reflicte a idoneidade do proxecto para avanzar na innovación turística e enogastronómica, demostrando que Lugo é percibido como un espazo de oportunidades para o emprendemento nestes ámbitos”. “TurisTalent 5.0 será unha ferramenta clave para canalizar estas iniciativas e reforzar a nosa posición como destino turístico innovador, con capacidade para atraer investimentos e mellorar a calidade da oferta local», engadiu.
TurisTalent 5.0, que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística en Destino «…Et Edendo, Lucus», para o que o Goberno Local acadou 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation, ten como finalidade impulsar o emprendemento no sector turístico e enogastronómico en Lugo, proporcionando formación, asesoramento especializado e apoio na procura de financiamento a novos proxectos innovadores. A aceleradora establecerase no edificio Impulso Verde, situado na Garaballa, un espazo que busca converterse nun referente do ecosistema emprendedor da cidade.
Neste senso, Alvarellos lembrou a importancia desta iniciativa para dinamizar un sector clave na economía local. «Este programa contribuirá a xerar emprego, fixar poboación e diversificar o tecido empresarial lucense. Buscamos identificar e canalizar os recursos dispoñibles para poñelos ao servizo dos emprendedores, facilitando a posta en marcha e o crecemento de proxectos que poidan atraer investimentos e mellorar a oferta turística da cidade», sinalou.
O proceso de avaliación das ofertas presentadas será realizado por un comité mixto que combina coñecementos técnicos municipais e académicos da USC, garantindo unha valoración obxectiva e rigorosa. Unha vez completada esta fase, o Concello de Lugo adxudicará a xestión do programa a unha das entidades candidatas, cun orzamento máximo de 167.664 euros.
O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, destacou que TurisTalent 5.0 será un programa de alto rendemento de nove meses de duración, que combinará formación, tutorización, mentoring e asesoramento especializado. «O obxectivo é que os proxectos participantes poidan validar as súas propostas, arrincar as súas iniciativas e acadar financiamento para garantir o seu éxito», apuntou.
As fases do programa inclúen unha convocatoria inicial para a captación de proxectos, unha fase de pre-aceleración chamada Talent Day, unha etapa de formación intensiva na Academia TurisTalent e un Investors Day, no que os proxectos finalistas serán presentados ante potenciais investidores. Con esta iniciativa, o Executivo de Alvarellos mantén o seu compromiso de fomentar o emprendemento e a innovación no sector turístico e enogastronómico, promovendo proxectos que contribúan a unha oferta máis diversificada e sustentable, reforzando a marca turística de Lugo e potenciando os seus recursos endóxenos.