
Unha decena de proxectos chamados a converterse en protagonistas do sector turístico na cidade completaron con éxito un intensivo programa de aceleración e mentorización deseñado para fortalecer a esta potente industria local.
Nesta edición inaugural as apostas empresariais ofrecen interesantes alternativas turísticas que van desde baños de bosque, aloxamento para nómadas dixitais e novas experiencias gamificadas en museos, ata servizos de viaxes camper, gastronomía ou experiencias personalizadas e adaptadas a todos os públicos
Lugo, 14 de xaneiro de 2026.
O Concello de Lugo pon punto e final á primeira e exitosa edición da súa aceleradora de empresas do sector turístico e enogastronómico, Turistalent 5.0, cunha gran gala final que se celebra este próximo venres, día 16 de xaneiro, a partir das 17:00 horas, no Vello Cárcere de Lugo.
Un total de 10 startups veñen de completar un intensivo programa de aceleración e mentorización que arrancou no pasado mes de outubro e que fixo evolucionar os proxectos dos promotores. Estas iniciativas ofrecen innovadoras solucións para reforzar e impulsar o sector turístico, un dos motores económicos da capital lucense e indubidable polo de visitantes que xera importantes retornos económicos na cidade. O Concello é pioneiro na súa decidida aposta polo talento lucense aplicado a esta industria local clave, o que, despois de terse completado o itinerario de formación e aceleración empresarial, reporta a novos axentes destacados no sector turístico da cidade.
Na gala final Turistalent 5.0 as dez startups presentarán os seus proxectos ante o Comité Técnico da Aceleradora. Os seus membros estarán acompañados por autoridades municipais, investidores e representantes de fondos de investimento, así como doutros actores estratéxicos do sector a nivel provincial e autonómico.
Cada proxecto realizará unha presentación (5 minutos por promotor) na que amosará os puntos fortes da súa proposta, o seu grao de maduración empresarial, a súa proxección e a escalabilidade nos mercados. Trátase da gran posta de largo das startups que nos últimos meses afondaron na definición dos seus modelos de negocio, incorporaron aprendizaxe de alto valor sobre captación de clientes, pacto de socios, innovación aplicada, internacionalización ou comunicación, ademais de acceder a xornadas con investidores e a prácticas de presentación dos seus pitchs.
As dez startups finalistas desta primeira edición de Turistalent 5.0 son as seguintes:
- Lugo. 5 Sentidos: unha experiencia sensorial na cidade combinando visitas guiadas, degustacións e interacción histórica adaptada a todos os públicos.
- ALMA: plataforma dixital de paquetes turísticos para poñer en valor o patrimonio menos coñecido dos municipios.
- Barvantia: ofrece unha alternativa que une a viaxe en autocaravana ou camper con asistencia e vivencias locais no marco do Camiño de Santiago.
- Master of Museums: gamificación de visitas a museos a través de tecnoloxía NFC, app e un códice físico.
- TheOK.app: unha potente ferramenta de escoita activa para destinos turísticos intelixentes.
- Raíces – Reconecta contigo: innovadora proposta de benestar baseada en baños de bosque, ioga e actividades híbridas na frondosidade de Lugo.
- Tutapeo: emprega intelixencia artificial para mellorar a visibilidade dos locais HORECA e crea rutas personalizadas.
- Camino y Sabor: experiencias enogastronómicas sostibles con produtores locais e rutas personalizadas.
- WorkFromGalicia: servizos para viaxeiros e peregrinos que desexen combinar turismo e teletraballo.
- Doris Repostería: un proxecto de repostería galega artesanal, creativa e sostible, elaborada con ingredientes locais.
Despois da gala final, Turistalent 5.0 ten deseñado un evento de networking na azotea do Vello Cárcere, un espazo pensado para a interacción directa das startups cos asistentes para afondar nos contactos e crear novas alianzas empresariais.
TurisTalent 5.0, o éxito dun proxecto pioneiro
TurisTalent 5.0 nace como unha firme aposta do Concello de Lugo por impulsar o tecido empresarial lucense desde o inicio da súa andadura e por seguir fortalecendo o destacado posicionamento co que conta a cidade no sector turístico galego. Isto, unido ao potencial da enogastronomía local logran un elevado nivel de propostas, xa aceleradas, con moito futuro nos mercados. Este programa forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Et Edendo, Lucus: un percorrido histórico pola enogastronomía”, financiado polo Ministerio de Industria e Turismo a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e a Unión Europea – NextGenerationEU.
PROXECTOS FINALISTAS TURISTALENT
As dez startups finalistas desta primeira edición de Turistalent 5.0 son as seguintes:
- Lugo 5 Sentidos
Lugo 5 Sentidos é un proxecto de turismo social e inclusivo que propón experiencias sensoriais na cidade de Lugo, combinando visitas guiadas, degustacións, interacción histórica e actividades culturais adaptadas a persoas de todas as idades e capacidades. A iniciativa pon o foco na accesibilidade, no benestar social e na creación de experiencias culturais con impacto comunitario, aspirando a converterse nun referente en turismo accesible e responsable. - ALMA (Autenticidade, Lugares, Memoria e Aventura)
ALMA é unha plataforma dixital orientada á comercialización de paquetes turísticos experienciáis de baixo custo, baseados en contidos locais, memoria histórica e patrimonio pouco coñecido, especialmente en ámbitos rurais. O proxecto aposta por un modelo sostible, flexible e con potencial de internacionalización, que permite deseñar experiencias personalizadas e poñer en valor a identidade dos territorios. - Barvantia
Barvantia é un proxecto xa operativo que ofrece servizos turísticos personalizados para viaxeiros en autocaravana ou camper, combinando asistencia, benestar, cultura e vivencias locais auténticas, especialmente no marco do Camiño de Santiago. A proposta integra turismo lento, experiencias de proximidade e conexión co territorio, cun modelo que xa demostrou tracción e potencial de crecemento. - Master of Museums
Master of Museums propón unha experiencia interactiva e gamificada para a visita a museos, tanto en formato físico como dixital, mediante o uso de tecnoloxía NFC, aplicación móbil, códices físicos e tótems intelixentes. O proxecto busca modernizar e dinamizar a experiencia museística tradicional, cun modelo escalable e exportable a nivel internacional, sendo Lugo un posible primeiro cliente estratéxico para a súa implantación. - TheOK.app
TheOK.app preséntase como unha ferramenta dixital orientada á escoita activa e á organización de eventos e experiencias inmersivas, incorporando elementos de gamificación e cultura local. A proposta está pensada para o desenvolvemento de destinos turísticos intelixentes, favorecendo a interacción cos visitantes e a recollida de datos para a mellora da experiencia turística. - Raíces – Reconecta contigo
Raíces é unha iniciativa de turismo de benestar que desenvolve experiencias de reconexión coa natureza a través de baños de bosque na Reserva da Biosfera Terras do Miño, en Lugo. Complementa estas actividades con ioga, escritura creativa e contidos dixitais, promovendo un modelo sostible que combina saúde, ciencia forestal e valorización do patrimonio natural galego. - Tutapeo
Tutapeo é unha plataforma que emprega intelixencia artificial para mellorar a visibilidade dos establecementos HORECA e crear rutas personalizadas de carácter enogastronómico e cultural. O proxecto busca dinamizar o turismo local e de proximidade, facilitando a conexión entre visitantes e negocios locais a través de experiencias adaptadas aos intereses do usuario. - Camino y Sabor
Camino y Sabor está centrado no deseño e comercialización de experiencias premium de turismo no interior de Galicia, especialmente en Lugo e Ourense. As propostas combinan aloxamento singular, gastronomía, cultura, natureza e deporte, con estancias de varios días orientadas a un público medio-alto, apostando pola desestacionalización e a posta en valor do territorio interior. - WorkFromGalicia
WorkFromGalicia ofrece servizos dirixidos a viaxeiros, peregrinos e profesionais que desexan combinar turismo e teletraballo en Galicia. O proxecto responde ás novas tendencias de mobilidade laboral, propoñendo solucións adaptadas a estancias flexibles e promovendo Lugo e Galicia como destinos atractivos para o traballo en remoto. - Doris Repostería
Doris Repostería é un proxecto de repostería galega artesanal que pon en valor a castaña como ingrediente identitario, a través dunha proposta creativa, sostible e elaborada con ingredientes de proximidade. A iniciativa está orientada tanto ao consumo local como ao turismo gastronómico e ao agasallo, cun claro potencial de crecemento e diversificación de formatos.