A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, continuou este martes na Piringalla, xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, o seu percorrido polos barrios para explicar aos veciños e veciñas os proxectos que impulsa o seu Goberno e coñecer ao mesmo tempo de primeira man as súas necesidades. Méndez anunciou á veciñanza da Piringalla que o Concello investirá nos vindeiros meses no barrio máis de 1,3M€ coa materialización de diversos proxectos.
Grazas ao Plan de Barrios, o Goberno poderá cumprir unha petición cidadá e da Corporación, consistente na colocación dunha glorieta no cruce entre as rúas Manuel María, Santo Grial e Mar Cantábrico, que contribuirá a mellorar a seguridade de peóns e conductores, e a fluidez do tráfico. O proxecto, xa redactado, conta cun orzamento próximo aos 130.000€ e un prazo de execución de catro meses.
Dentro do Plan de Barrios, o Executivo de Lara Méndez tamén procederá á pavimentación da rúa Santo Grial, á mellora da beirarrúa da rúa Avutarda e á colocación dunha fonte e o acondicionamento dun xardín en Cidade Norte, xunto á Praza Viana do Castelo.
Ademais, o Executivo de Lara Méndez prevé que en setembro estea redactado o proxecto técnico para acometer as obras de remate da biblioteca da Piringalla e a súa reconversión nun centro sociocultural, saldando así unha débeda coa veciñanza e cumprindo un acordo do Pleno. Para levar adiante esta infraestrutura, que sufriu atrasos debido a deficiencias no proxecto inicial, o Goberno incluíu unha partida de 1M€ nos Orzamentos deste ano que foi quen de sacar adiante.
O edificio, de 1.300 metros cadrados, contará cunha bebeteca para nenos e nenas de entre 0 a 6 anos; unha zona infantil para rapaces e rapazas de 7 a 14 anos; unha zona para adultos de lectura e consulta; unha sala de estudio; unha videoteca; unha fonoteca; un servizo de novas tecnoloxías e unha hemeroteca, ademais de un pequeno salón de actos.
Entre as actuacións xa acometidas polo Concello na Piringalla está a implantación de zona 30 na rúa Santo Grial, no tramo comprendido entre Lavandeira e Angelo Colocci, e nesta última rúa, entre Santo Grial e Gallego Tato. Así mesmo, a rúa Avutarda pasou a ser de sentido único. Outra das melloras levadas a cabo foi a reposición total do valado perimetral da pista de hockei no polideportivo Daniel Cordido.
Orzamentos Participativos
A Alcaldesa convidou así mesmo aos veciños e veciñas da Piringalla a facer propostas para os Orzamentos Participativos, que veñen de arrancar. Poderán plantexar ata o 9 de setembro investimentos de ata 15.000 euros, a través de distintas canles, dixitais ou presenciais, ben sexa a través unha web que se activou para este evento, loop.lugo.gal, no Rexistro Xeral do Concello ou en distintas reunións que se celebrarán polos barrios da cidade. Nesta primeira fase pode participar calquera persoa empadroada en Lugo ou con vinculación co municipio, sexa por estudos ou traballo.