Este proceso de capacitación, denominado ArquivaLugo, terá unha duración de 12 meses e estará remunerado para o alumnado.
Durante a súa formación as e os participantes terán a oportunidade de recuperar e poñer en valor documentos do século XVIII e XIX.
A iniciativa enmarcase dentro do proceso de implantación da Administración Electrónica promovido polo Executivo de Lara Méndez.
O Executivo de Lara Méndez, a través da área de Dinamización Económica que dirixe Mauricio Repetto, porá en marcha un obradoiro de emprego especializado no deseño gráfico, o desenvolvemento web e os procesos de dixitalización. A través desta ambiciosa iniciativa de tipo formativo, as persoas participantes poderán adquirir competencias en tres especialidades con gran demanda no mercado laboral, “sendo, por tanto unha oportunidade laboral atractiva e versátil”, sinalou o concelleiro.
Baixo o nome de “ArquivaLugo”, Desenvolvemento Local oferta un total de 20 prazas, oito para a especialidade de operacións de gravación e tratamento de datos e documentos, seis para á de confección e publicación de páxinas web e outras tantas para a de deseño de produtos gráficos. “Ademais das ensinanzas propias, contidas nos respectivos Certificados de Profesionalidade, os alumnos recibirán, así, unha formación de carácter maioritariamente práctico, que os capacitará na aplicación, nun futuro, dos coñecementos adquiridos no seu desenvolvemento profesional. Deste xeito, non soamente se trata de favorecer a aprendizaxe dunha temática concreta, senón que xa se están a fixar os primeiros pasos dunha posible inserción laboral” indicou Mauricio Repetto.
Durante o proceso formativo, que está cofinanciado pola Xunta de Galicia, o estudantado terá a oportunidade de recuperar dixitalmente 87 libros de Actas Consistoriais pertencentes á segunda metade do século XVIII e á segunda metade do XIX. Nunha segunda fase, xa máis avanzado o obradoiro, e cun coñecemento máis especializado, tratarase de realizar a dixitalización e posta en valor de licenzas de obras particulares anteriores a 1950, que se atopan actualmente situadas no Arquivo Histórico Provincial.
“Con esta capacitación contribuímos a enxalzar o noso patrimonio histórico, neste caso o documental, especialmente tendo en conta o pasado de nosa cidade, e que en moitas ocasións é difícil difundir. Buscamos mellorar a ocupabilidade de persoas desempregadas, a través da súa cualificación, en alternancia coa adquisición de experiencia laboral ao tempo que favorecemos a preservación da nosa historia”, explicou o edil que anunciou que a duración do obradoiro será dun ano.
Mediante a realización deste proxecto, que se enmarca no proceso de implantación da Administración Electrónica promovido polo Executivo de Lara Méndez, búscase continuar co labor realizado noutros obradoiros previos, que xa realizaron tarefas de dixitalización de arquivos e que na actualidade é necesario continuar de cara a conseguir que os fondos documentais do Arquivo Municipal do Concello de Lugo se encontren neste formato na súa totalidade.