Coa súa reapertura, o CEI amplía a súa oferta de servizos e continúa consolidándose como un dos principais espazos de apoio á innovación e ao emprendemento en Lugo.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, anunciou a reapertura da cafetería do Centro de Empresas e Innovación do Concello (CEI Nodus), que retomou a súa actividade a finais de 2024 tras o proceso de adxudicación baixo novas condicións que fixeron máis atractiva a concesión. “A apertura deste servizo supón un importante apoio á actividade do centro, que se posiciona como un punto estratéxico para o impulso do tecido empresarial lucense, acollendo numerosas iniciativas de emprendemento na cidade”, explicou a rexedora.
A concesión foi aprobada pola Xunta de Goberno Local cunha cota mensual de 706 euros, superior aos 500 euros do canon mínimo establecido. Ademais, ampliáronse os requisitos de experiencia previa no sector da hostalería, permitindo acreditar un período de ata dez anos, e aprobouse a posibilidade de peche durante 15 días ao ano.
A reapertura da cafetería responde ao compromiso do Concello de ofrecer servizos de calidade tanto para os usuarios do CEI Nodus como para os visitantes externos e a cidadanía lucense no seu conxunto. “A concesión terá unha duración inicial de dous anos, podendo ser prorrogada anualmente ata un máximo de dez anos, garantindo a continuidade do servizo no tempo”, lembrou Alvarellos.
Situada nun punto clave da cidade, esta dotación busca converterse nun espazo de encontro para empresarios, emprendedores e visitantes. Coa súa reapertura, o centro amplía a súa oferta de servizos e continúa consolidándose como un dos principais espazos de apoio á innovación e ao emprendemento en Lugo.