A alcaldesa visitou o establecemento para interesarse polo seu funcionamento tralo proceso de adxudicación, por un período inicial de 2 anos prorrogable ata dez.
A cafetería-restaurante está aberta así mesmo ao conxunto da cidadanía lucense cun horario de funcionamento amplo, de luns a venres de 7:00 a 23:00 horas.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, visitou a cafetería do Centro de Empresas e Innovación do Concello (CEI-Nodus) para saudar á súa nova xerente, Gloria Cortez, e interesarse pola súa experiencia ao fronte do establecemento dende a súa reapertura a principios de ano. Durante a visita, a rexedora coñeceu de primeira man o funcionamento da cafetaría e trasladoulle á empresaria os seus mellores desexos nesta nova etapa profesional.
«Queremos que este espazo sexa un punto de encontro para persoas emprendedoras e empresarias, un lugar cómodo que incremente a oferta de servizos do CEI-Nodus, un centro que xa é referente a nivel nacional, con unha dilatada traxectoria de máis de 20 anos, fomentando a creación de empresas e empregos na cidade», apuntou a rexedora.
A reapertura do servizo, que tivo lugar despois dun proceso de adxudicación con condicións melloradas para a concesión, supuxo un importante reforzo para a actividade diaria do CEI-Nodus. A concesión foi aprobada polo Goberno Local cunha cota mensual de 706 euros. A duración inicial do contrato é de dous anos e, unha vez rematado este período, poderá prorrogarse por acordo mutuo das partes por un máximo anual de ata oito anos máis, sen que a duración total do contrato, incluídas as prórrogas, poida exceder de dez anos.
O establecemento, ademais de atender os usuarios do CEI-Nodus, está aberto ao conxunto da cidadanía lucense e conta cun horario de funcionamento amplo, de luns a venres de 7:00 a 23:00 horas. O servizo está a cargo dun equipo formado por unha cociñeira, un axudante de cociña e dous camareiros, ademais da propia responsable do negocio.
Deste xeito, o Concello de Lugo segue apostando por mellorar a oferta de servizos no CEI-Nodus, consolidando o centro como unha referencia no apoio ao emprendemento e a innovación na cidade.
Un saúdo,
GABINETE DE COMUNICACIÓN