O centro de información Europe Direct do Concello convoca este certame conxuntamente co da Deputación de Coruña, co obxectivo de mostrar o sentimento de unidade europeo ante a crise sanitaria do coronavirus
As fotos deben enviarse ao correo cidadanseuropeosgalicia@gmail.com dende onde serán subidas automaticamente á páxina de Facebook do concurso. Os gañadores serán publicados o 15 de xuño e recibirán unha cámara e unha tablet
O centro de información Europe Direct do Concello de Lugo, situado no CEI Nodus, xunto co da Deputación da Coruña, convocan conxuntamente o sétimo concurso de fotografía Cidadáns Europeos en Galicia: Europeos na casa, co obxectivo de mostrar o sentimento de unidade europeo ante a crise sanitaria provocada pola pandemia do coronavirus.
Partindo da situación actual marcada polo COVID-19 que está a padecer toda a cidadanía europea, o tema do concurso será a representación da unidade e a diversidade, as dúas palabras que conforman o lema da Unión Europea: “Unidos na diversidade”, e que se han de poñer en valor neste momento de alerta sanitaria que afecta a todos os países da Unión Europea.
Deste xeito, as obras poden versar sobre algunha das seguintes temáticas: aplauso sanitario, deporte, arte, lembranzas, música, danza ou cociña na casa. Toda obra debe incluír un signo representativo da Unión Europea.
O prazo de presentación dos traballos estará aberto ata o día 9 de xuño de 2020, ás 14.00 horas. Poderán participar todas as persoas residentes en Galicia e maiores de 18 anos. Para elo, deberán enviar unha fotografía ou unha montaxe ao correo electrónico cidadanseuropeosgalicia@gmail.com dende onde serán subidas de maneira automática á páxina de Facebook do concurso. Cada participante deberá indicar no correo electrónico o centro Europe Direct ao que presenta a súa fotografía.
Os nomes dos gañadores serán publicados na páxina de Facebook do concurso o día 15 de xuño de 2020. Cada sede de Europe Direct fará entrega de dous premios, sendo un total de 4 premios a repartir entre o primeiro e o segundo de cada sede, respectivamente: para os primeiros clasificados o premio será una cámara de fotos, e para os segundos unha tablet.
Os interesados en obter máis información poden acceder á páxina de Facebook do concurso, https://www.facebook.com/concursociudadanoseuropeosengalicia, ou a través da web www.lugo.es/europedirect.