A través desta iniciativa o Goberno de Lara Méndez ofrece asesoramento gratuíto e individualizado a lucenses que desexen crear a súa propia empresa
A formación comezará, previsiblemente, a finais de xaneiro e en total ofertaranse 22 prazas. Realizarase a través dunha plataforma online ao longo de 5 meses
Nas pasadas edicións xa participaron 110 persoas, poñendo en marcha máis de 60 proxectos, ao tempo que se crearon uns 350 postos de traballo directos
O executivo de Lara Méndez aprobou na Xunta de Goberno Local desta semana o convenio de colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) para a posta en marcha da sexta edición do programa Inicia Coworking. Trátase da iniciativa dirixida a emprendedoras e emprendedores lucenses que contan cunha idea de negocio e desexan realizar un proxecto viable para poñer en marcha as súas propias empresas, ou ben, mellorar a competitividade das mesmas, ofrecéndolles asesoramento individualizado e totalmente de balde.
Trala aprobación do convenio, nos vindeiros días procederase á súa sinatura coa previsión de que a comezos do vindeiro ano se leve a cabo a selección de proxectos participantes, de modo que a sexta edición poida comezar a finais do mes de xaneiro. En total ofertaranse 22 prazas e a formación realizarase de forma online, a través da plataforma da EOI Blackboart Collaborate.
O programa terá unha duración de 5 meses e constará de 60 horas lectivas, durante as cales se formará aos participantes en ámbitos como a metodoloxía Lean-Canvas, o desenvolvemento e a validación do modelo de negocio, o plan comercial e as técnicas de venda, a oratoria, ou o plan de márketing dixital, entre outros aspectos. Ademais, contarán con titorías personalizadas que lles axudarán a materializar a súa idea de negocio.
O Inicia Coworking está avalado polas súas edicións anteriores, pois xa participaron 110 persoas que puxeron en marcha máis de 60 proxectos, creándose 350 postos de traballo directos, máis os indirectos, e cun índice de supervivencia do 75% das empresas que xurdiron a raíz desta iniciativa.
Este programa, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, achega ás e aos participantes, de xeito individualizado e totalmente gratuíto, formación e acompañamento para a posta en marcha ou consolidación de novos proxectos de carácter emprendedor e innovador.