Rosana Rielo e Ana Prieto achegáronse este luns ata o CEI-NODUS, espazo municipal que acolle dende hoxe e ata marzo o Programa 3C: Capital Creativo Competitivo
Trátase dunha iniciativa que ofrecerá a 20 empresas e persoas emprendedoras asesoramento personalizado para definir e reiventar os seus modelos de negocio
As concelleiras de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, e de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, achegáronse este luns ata o CEI-NODUS, espazo municipal que acolle dende hoxe o Programa 3C: Capital Creativo Competitivo. Trátase da primeira das 8 actividades de dinamización e apoio ao emprendemento que propuxo a veciñanza nos Orzamentos Participativos, e que ofrecerá a 20 empresas e persoas emprendedoras a capacitación e asesoramento personalizado para definir e reiventar os seus modelos de negocio, co obxectivo de descubrir e implementar metodoloxías creativas que melloren a súa capacidade competitiva. Na visita tamén estivo un técnico do CEI-NODUS, Norman Veiga, representantes de AJE (encargados de presentar a iniciativa no proceso activado polo Goberno de Orzamentos Participativos) e o asesor desta actividade.
O Programa 3C: Capital Creativo Competitivo desenvolverase ata finais de marzo. O asesor adaptarase ás circunstancias horarias de cada empresa, mantendo reunións coas persoas interesadas ben en xornada de mañá ou de tarde, de luns a sábado. Encargarse das evaluacións previas, implementación de ferramentas, acompañamento para evaluación continua e aplicar medidas correctoras ata a evaluación final.
As propostas relacionadas co emprendemento supuxeron o 30% das totais da campaña de participación cidadá. Xunto a este programa, os outros 7 proxectos de emprendemento que desenvolverá o Concello no marco dos Orzamentos Participativos son fundamentalmente accións formativas, de capacitación e asesoramento a cargo de expertos dirixidas á xuventude, mulleres, autónomos e Pemes co fin de implantar ou mellorar unha actividade empresarial a través das novas tecnoloxías, a innovación e a creatividade.
- Aprende a Medrar: trátase dun programa de consolidación empresarial establecendo estratexias para atraer clientes e fidelizalos. Celebrarase entre os meses de marzo e maio.
- Píldoras de coñecemento para emprendedores: orientado a empresas xa constituídas, incluirá catro obradoiros sobre técnicas para mellorar o funcionamento e competitividade dos negocios.
- Estudo dun plan de accións para a transformación do barrio da Tinería, unha iniciativa que complementará a decisión do Concello de crear nesta zona un viveiro de empresas a pé de rúa, e que incluirá medidas en sete eidos: comercial; administrativo; educativo, docente e cultural; asistencial; deportivo; sanitario; e obradoiros de artesanía. O estudo desenvolverase entre febreiro e abril.
- Future Jobs Tools: unha iniciativa de formación dirixida a estudantes universitarios e de ciclos formativos, mulleres emprendedoras, autónomos e pemes interesados en coñecer as novas tendencias do mercado laboral, marcadas polas novas tecnoloxías. Impartiranse entre febreiro e marzo tres obradoiros baseados na novela empresarial El Desafío de Yago, a secuela de La Aventura de Diana, unha referencia na aprendizaxe da innovación.
- Chatbot Learning: actividade dirixida a formar na aplicación da intelixencia artificial de forma sinxela e práctica a unha idea de negocio ou a unha empresa en marcha. Terá lugar en marzo.
- Lucus Raid, Emprende o Camiño: quince xóvenes con inquietudes emprendedoras, ao mesmo tempo que cobre a ruta xacobea, recibirán titorías individualizadas en materia de creación de empresas. A actividade celebrarase entre marzo e maio.
- Segunda edición da Feira de Nenos e Nenas Emprendedores, que busca fomentar o espírito emprendedor entre os máis pequenos. Celebraranse uns obradoiros previos no primeiro semetre do ano.
Audio