Trátase da iniciativa posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez para axudar a recuperar a demanda e reactivar a economía nestes sectores estratéxicos de Lugo durante o período de desconfinamento
Este curso online terá unha duración de 20 horas e os participantes obterán un diploma de Establecemento de Confianza
A formación dará comezo o luns 25 de maio, e as inscricións, totalmente de balde, permanecerán abertas ata o día anterior. Para participar os interesados deberán cubrir o formulario habilitado en https://bit.ly/3dKq5gW
Este venres, 15 de maio, abrirá o prazo de inscrición para a primeira acción formativa da estratexia ‘Lugo Seguro’, posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez para axudar ao comercio e á hostalería lucense durante o período de desconfinamento. Trátase dun curso online pioneiro para os e as traballadoras destes sectores, que será impartido por profesionais da medicina, a psicoloxía e a comunicación, co que achegar aos participantes as habilidades e coñecementos precisos para enfrontarse ao novo escenario post COVID-19, co obxectivo de recuperar a demanda e reactivar a economía nestes sectores estratéxicos de Lugo.
A formación dará comezo o luns 25 de maio, e as inscricións, totalmente de balde, permanecerán abertas ata o día anterior. Para participar os interesados deberán cubrir o formulario habilitado en https://bit.ly/3dKq5gW Trátase dun curso interactivo, de 20 horas de formación, con recursos audiovisuais e exercicios prácticos. Impartirase en liña, mediante unha plataforma de elearning, accesible desde dispositivos móbiles e que permite unha comunicación instantánea alumno-titor.
Entre outros temas, abordará aspectos relacionados coa prevención e a seguridade e saúde do persoal e dos establecementos. Pero tamén ensinará a afrontar desde un punto psicolóxico e emocional a nova situación de regreso ao traballo, así como a comunicación para trasladar aos clientes a máxima confianza en que poden acudir aos seus establecementos habituais pois o persoal está preparado para atendelos e porase a obrigada prevención en todas as tarefas.
A participación está aberta a propietarios, autónomos, persoal en xeral de vendas en comercio, de barra, comedor, cociña, recepción, camareiros, maîtres en hostalaría e hoteis, entre outros traballadores do sector, e estará dirixida en especial aos empregados que están ou pasaron un ERTE e deben retomar a súa actividade.
Ademais, con este curso obterase o diploma de Establecemento de Confianza, sempre que polo menos unha persoa da empresa participe na formación, impartida por unha médico epidemióloga experta en sanidade pública, unha psicóloga e unha doutora en comunicación.