A actividade pretende ser unha alternativa de ocio coa que facilitar a conciliación familiar, ao tempo que se fomenta entre a xuventude a creatividade e o respecto polo medio ambiente
Ademais, inclúe a realización de obradoiros de cinema e gravado e serigrafía sobrealimentos, en grupos de 15 nenas e nenos
Hoxe deu comezo Comestibles, as merendas saudables da rapazada lucense ao carón do Miño. O edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto e a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos acompañáronnos esta tarde na primeira das tres sesións organizadas para este fin de semana.
Unha actividade que se realiza na contorna do río Miño, concretamente a carón da área recreativa de Os Robles e que pretende ser unha alternativa de ocio coa que facilitar a conciliación no seo das familias ao tempo que se fomenta entre a xuventude a creatividade e o respecto polo medio ambiente.
Esta tarde, ao redor dunha vintena de nenas e nenos de entre 8 e 14 anos puideron desfrutar dunha xornada de lecer na que a boa alimentación se mesturou coas habilidades artísticas, de maneira que, ademais de merendar, as e os pequenos puxeron a proba a súa creatividade coa realización de gravados sobre torradas de pan nas que fixeron serigrafía con diferentes salsas e cremas. Tamén crearon historias cinematográficas en Stop Motion con distintos ingredientes, películas coas que posteriormente se fará un arquivo para a súa difusión.
Comestibles foi posto en marcha polo Goberno de Lara Méndez a través de Europa Direct, da área de Desenvolvemento Local e Emprego, e trátase dunha acción totalmente gratuíta que ten, ademais, unha vertente de aprendizaxe e concienciación social ao respecto do coidado do planeta.
Desenvolverase durante o 3, 4 e 5 de xullo, en horario de 17:00 a 19:00 horas, seguindo as medidas de hixiene e seguridade así como as recomendacións establecidas polas autoridades sanitarias relativas á protección contra o COVID-19, de forma que se as e os participantes terán á súa disposición xel hidroalcohólico, gorras ou crema solar cos que se vela polo seu benestar.