A praza de San Marcos de Lugo acollerá este venres a 2ª Feira de Asociacións que organiza a Federación de Asociacións do Ámbito Social de Lugo (FADAS), coa colaboración do Concello e a Deputación de Lugo. Con esta cita, na que participarán 15 colectivos sociais lucenses, FADAS e os Gobernos Municipal e Provincial queren dar a coñecer e visibilizar o traballo e os distintos proxectos que desenvolven ditas asociacións durante todo o ano. Concello e Deputación destinan unha achega económica de 12.000 euros a FADAS que permite á federación ofrecer atención profesional a máis de 8.000 veciños da provincia a través das súas programacións sociais.
Durante a xornada, que se desenvolverá dende ás 11:00 ata as 21:00 horas, as entidades que participan na feira contarán con postos de información para explicar e asesorar aos visitantes sobre os diferentes servizos que ofrecen ditos colectivos. As áreas de actuación nas que traballan as asociacións da Feira son: familia, muller, infancia, persoas en situación de risco ou vulnerabilidade, saúde, emprego, inmigración, comercio xusto, cooperación, voluntariado, cultura e deporte.
Música, teatro e danza
A programación da 2ª Feira de Asociacións inclúe actuacións musicais a cargo de David Taboada e Adrián Vigo; demostracións de Danzas do Mundo, dirixida por Ánxela Pardo; conta contos para os máis pequenos con Anxo Moure; e obras teatrais por parte Grupo de Teatro Palimoco, dirixido por Paloma Lugilde. Ademais, ao longo de toda a xornada, desenvolveranse sesións de reiki, xogos de tenis de mesa, venta de libros de segunda man ou recollida de roupa usada, entre outras moitas actividades.
Rede de colectivos
Xunto con FADAS Lugo, participarán nesta Feira, cos seus postos de información, outras 14 entidades: ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), Asociación Aliad Ultreia, AMEIS (Asociación Magrebí Española para la Integración y la Solidaridad), Asociación SocioEducativa Antonio Gandoy, Asociación Aviva, AXUNICA (Asociación de Axuda a Nicaragua), Asociación Social Dez Portas, Asociación de Inmigrantes y Retornados Rioplatenses, LEDA (Lugo en Defensa dos Animais), Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Asociación Reiki Lugo, Asociación Shan Tidi, Taller de Solidaridad, e Asociación VENELU (Asociación de Venezolanos en Lugo).
FADAS Lugo
A Federación de Asociacións do Ámbito Social de Lugo constitúese no 2012. Esta entidade ten como obxectivos establecer vínculos entre as distintas asociacións do ámbito social da provincia para fomentar a colaboración e o traballo en rede, servir como interlocutora entre os colectivos e os organismos públicos e privados, así como axudar na integración social dos integrantes da federación.