A xornada de portas abertas celebrada este venres no CEI Nodus foi un éxito de participación, pois ao largo do día foron ducias de persoas, vinculadas co mundo da empresa, o emprendemento, a educación e da sociedade en xeral os que pasaron polas instalacións, un dos piares das políticas de dinamización económica e creación de emprego do Goberno. A día de hoxe, ten en marcha proxectos neste eido por importe de máis de 2M€ que benefician a 250 persoas. A Alcaldesa, Lara Méndez, inaugurou a actividade pola mañá cunha visita guiada na que participaron numerosos representantes do tecio socioeconomico da cidade.
Méndez destacou como obxectivos da iniciativa visibilizar a intensa e ampla actividade do Centro de Empresas e Innovación municipal, no que na actualidade están funcionando 27 empresas e asociacións, coa totalidade dos locais dos que dispón ocupados. A xornada pretende fomentar sinerxias do CEI co tecido social, asociativo, educativo e económico de Lugo para fortalecer e aumentar a competitividade do empresariado; darlle un pulo á zona da cidade na que se asenta, Garabolos, que cada vez gaña máis actividade e servizos, e supón tamén un novo exercizo de transparencia do Goberno, ao amosar e explicar á cidadanía como e a que destina o Concello os recursos públicos.
Dende a súa posta en marcha, no ano 2004, o CEI Nodus prestou asesoramento a 3.000 proxectos empresariais, dos que fructificaron 400, que deron emprego a medio milleiro de persoas. A porcentaxe de supervivencia das empresas está no 80%. Unhas 5.000 persoas participaron nas actividades de formación, difusión e asesoramento.