A startup lucense naceu a raíz da sexta edición do programa Inicia Coworking, promovido polo Concello e a EOI, dando os seus primeiros pasos no viveiro de empresas municipal.
Repetto: “Resulta moi gratificante que proxectos xurdidos ao abeiro de iniciativas municipais acaden recoñecementos, ao tempo que xeran riqueza e postos de traballo en Lugo”.
En 2025, Festigaleiros ten previsto iniciar un proceso de expansión nacional con vistas a dar o salto internacional en 2027, liderado pola súa CEO Vanesa Rivas.
A startup lucense Festigaleiros, que deu os seus primeiros pasos no CEI-Nodus municipal, foi seleccionada, entre máis de cen proxectos, para formar parte da aceleradora Vía Galicia, na súa 7ª edición, un espazo de emprendemento de referencia na comunidade galega. Na fase inicial, de Academia e seis semanas de duración, conviviu con outras 39 startups galegas. Nunha segunda fase, foi elixida, xunto con outras 14 empresas de recente creación, para a fase de Aceleradora de seis meses de programa.
Festigaleiros naceu a raíz da sexta edición do programa Inicia Coworking, promovido polo Concello de Lugo e a Escola de Organización Industrial (EOI) e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. Trátase dunha plataforma cloud de intelixencia turística dos plans de lecer na comunidade galega que favorece a interacción do turista coa contorna que visita e intensifica a calidade da súa experiencia.
“O proxecto, liderado pola emprendedora Vanesa Rivas, xurdiu a raíz desta iniciativa municipal a través da que recibiu asesoramento, formación e acompañamento para a súa posta en marcha”, explicou o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen subliñou que “para nós é moi importante, á vez que gratificante, que proxectos xurdidos co apoio desta concellería acaden recoñecementos e, sobre todo, que xeren riqueza e postos de traballo no municipio”.
O pasado 10 de maio Festigaleiros presentou o seu pitch deck ante investidores interesados de todo o territorio nacional no Investors Day, celebrado no marco do Way Startup Summit, na cidade de Vigo. Este ano, entre outros fitos relevantes, a startup lucense conseguiu a cualificación como Iniciativa Empresarial de Base Tecnolóxica e está a tramitar a Q de Calidade Turística, outorgada polo Instituto para a Calidade Turística Española, ICTE.
O pasado ano, Estrella Galicia apostou por Festigaleiros para promocionar a súa campaña de impulso de celebracións tradicionais, A Nosa Verbena. Festigaleiros recibiu en 2023 un millón de visitantes, europeos e americanos. En 2025, iniciará un proceso de expansión nacional, con varias comunidades interesadas. En 2027, dará o salto internacional, liderado pola súa CEO Vanesa Rivas e un equipo de profesionais especializado en tecnoloxía, comunicación e vendas.
Neste senso, Repetto subliñou que “son varios os exemplos de empresas que xorden ao abeiro do CEI Nodus e, en pouco tempo, son capaces de iniciar a súa expansión fóra das nosas fronteiras” e subliñou como exemplo a marca de doces gourmet Perusiñas “que comezou a súa andaina en 2022 neste viveiro municipal e actualmente xa realiza envíos a países como Francia ou Bélxica”.
Neste senso, Repetto lembrou que “a piques de cumplir o seu 20 aniversario, o CEI-Nodus é unha clara mostra da aposta do goberno municipal polo fomento da innovación e a cultura emprendedora en Lugo, pois baixo o seu paraugas, xa se desenvolveron máis dun centenar de empresas na cidade, elevándose a porcentaxe de supervivencia das mesmas por riba dun 75%”. “A través desta ferramenta dende o goberno local tamén buscamos dar oportunidades aos mozos e mozas, para reter o talento en Lugo, e facilitar a implantación de novas empresas na nosa cidade”, engadiu o edil.
O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo púxose en marcha en novembro de 2004. Conta con 23 espazos para o desenvolvemento da súa actividade por empresas de nova creación, 5 talleres, 2 laboratorios e 16 locais. Tamén conta cun espazo dividido en 5 compartimentos para Semilleiro e un espazo Coworking. Nos últimos cinco anos, un total de 122 empresas estiveron instaladas nestas dependencias municipais, onde tamén recibiron asesoramento uns 220 emprendendedores.