“O obxectivo é recuperar niveis de clientela que permitan manter e revitalizar o comercio e a hostalaría local que, nestes momentos, atravesan unha situación de moitas dificultades”, sinalou a rexedora
O executivo local levará este xoves a Pleno a aprobación dun suplemento de crédito de 1’7 millóns de euros co que financiar a continuidade da Estratexia de Recuperación Económica e Reconstrución do Municipio deseñada en marzo pola alcaldesa
A medida chega despois de abonar a 2.997 empresarios, autónomos e familias máis de 2’7 millóns de euros en axudas directas para paliar as consecuencias da crise sanitaria
O goberno de Lara Méndez segue a traballar na recuperación económica de Lugo co obxectivo posto na reactivación do tecido produtivo. Un programa, baseado na dinamización do sector, que complementará ao Plan de axudas directas Reanima, co que o Concello apostou por converterse no principal apoio das empresas e familias lucenses durante a pandemia.
O executivo trasladará este xoves no Pleno, ao conxunto da Corporación, unha proposta para aprobar un suplemento de crédito de 1’7 millóns de euros co que financiar a continuidade da Estratexia de Recuperación e Reconstrución do Municipio, deseñada pola rexedora no mes de marzo.
“Trátase dun trámite necesario se queremos empregar os fondos habilitados no seu día para a concesión das subvencións do Plan Reanima nunha segunda actuación, encamiñada, neste caso, a acadar a recuperación progresiva do comercio e da hostalaría da cidade a través de campañas de dinamización comercial”, explicou a alcaldesa.
Lara Méndez referiu así que, se ben, o Concello vén de abonar máis de 2’7 millóns de euros en achegas directas para dotar de liquidez ao empresariado que se viu afectado polo confinamento e para propiciar a conciliación laboral das familias durante o Estado de Alarma, “agora é imperativo darlle continuidade a este Plan de choque cunha segunda etapa destinada a saír, o mellor e máis axiña posible, da recesión económica actual derivada da incertidume que está a xerar o Covid”.
“Tamén nesta ocasión – sostivo a rexedora – estamos a traballar da man dos sectores produtivos cos que mantemos un contacto permanente para fixar, xuntos, as liñas de actuación en prol do interese xeral das e dos lucenses. E así – abondou – estamos a coordinar con todos eles, empresarios, hostaleiros, comercio e autónomos, as estratexias de recuperación financiera a desenvolver nos vindeiros meses”.
Deste xeito, a alcaldesa anunciou que, en total, se destinarán 1.767.000 euros, procedentes da partida asignada ao Plan Reanima, a diferentes iniciativas de potenciación do comercio local, ben estacionais, vencelladas ás campañas de Nadal, Entroido, Semana Santa ou mesmo á celebración das festas locais.
“A nosa intención é xerar, de novo, ilusión entre a veciñanza, manter e revitalizar o comercio e hostalaría que, nestes momentos, atravesan por unha situación de dificultade, e fomentar, á súa vez, a chegada de turismo de xeito que o atractivo das actividades lúdicas e de ocio que ser realicen contribúa a recuperar os niveis habituais de clientela e a incrementar a riqueza de todo o territorio”, concluíu Lara Méndez ao tempo que puxo como exemplo os resultados tan positivos que, nesta liña, tiveron ata agora os Tardeos da Tinería e Augas Férreas e os mercados ao aire libre de San Pedrín e a Milagrosiña.
Audio