A rexedora, acompañada do edil Mauricio Repetto e de José María Seijas, presidente da Federación Comercio Local, pide a veciñanza que aposte por dinamizar o comercio local
O concello crea unha ruta en tren urbano polas zonas comerciais, que funcionará desde hoxe ata o 5 de xaneiro e que permitirá non utilizar os vehículos privados
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convidou a subirse durante estas festas de Nadal ao ‘Tren Lugo é capital’, que porá en marcha o Concello en colaboración coa Federación do Comercio Local para animar á compra de proximidade.
Este tren, que percorrerá as principais zonas comerciais da cidade desde hoxe ata o 5 de xabeiro, inclúese na nova campaña municipal presentada hoxe, “coa que queremos crear novas experiencias de compra nos barrios e no centro”, segundo aseverou a rexedora, que estivo acompaña do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, e de José María Seijas, presidente da Federación de Comercio Local.
“O noso obxectivo é desenvolver unha serie de accións que axuden a convidar á poboación a consumir no pequeno comercio, chamando a atención sobre as vantaxes de comprar nel e sobre o beneficio social, económico e ambiental que iso representa para o noso municipio”, sostivo.
“Debemos ser conscientes _ aclarou_ tanto as administracións como a propia veciñanza de que son os comercios locais os que sosteñen unha parte importante da vida cidadá. Son un instrumento dinamizador das nosas rúas e prazas, ademais de xerar riqueza, á vez que manteñen un número importante de postos de traballo”. Por iso, alentou a concienciación dos cidadáns sobre a importancia de apostar por mercar nas tendas de proximidade.
O Tren Lugo é Capital, que percorrerá desde ás 10.30 horas ata as 20.30 horas as rúas das principais zonas comerciais para facilitar o transporte sen necesidade de usar os vehículos privados, á vez que os usuarios poderán gozar dun paso por Lugo desde outra perspectiva. O tren realizará un itinerario circular permanente, de ida e volta, con diversas paradas, para que as compras se poidan desenvolver de maneira máis accesible e cómoda. A ruta será polos distintos barrios e no casco histórico.
Ademais, para que os itinerarios sexan máis divertidos e para que a xente coñece máis de preto a diversidade de tendas, desenvolveranse paradas preto dos negocios onde poderán gozar de tempos de microteatros baixo o título de ‘Envolvendo clown’. As actuacións realizaranse nos escaparates das tendas, no seu interior ou no exterior das mesmas se a climatoloxía o permitise. “Trátase tamén de axudar a desenvolver experiencias de compra diferentes, e máis en Nadal onde se crea un ambiente especial”, incidiu a rexedora.
O tren do comercio local tamén ten unha parte para os máis cativos, xa que poderán deixar na caixa de correos propostas de postais de Nadal, e entrar nun concurso con premios, que se entregarán nunha festa de peche de campaña.
Esta campaña enmárcase na marca ‘Lugo é Capital’, creado polo concello co fin de impulsar o comercio local baixo unha identidade única e que pretende xerar un sentimento da importancia da cidade como capital da provincia así como un sentimento de pertenza da veciñanza, que axude a facilitar a implicación da poboación de Lugo na supervivencia do comercio local fronte ao comercio de grandes superficies e online.
A marca estará plasmada nas bolsas de compra que se entregarán aos usuarios do tren, un total de 5.000 ao longo de toda a campaña.
Ademais destas accións específicas, tamén estamos a apoiar accións que están a desenvolver os distintos colectivos, como os comerciantes que puxeron en marcha ‘Vive o Nadal no barrio de A Milagrosa’ e actuacións máis específicas para a atraer os visitantes ata o barrio da Tinería, onde, como sabedes, está ubicado o coworking municipal a pé de rúa.
Máis info
Audio