A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe a posta en marcha este mes do proxecto ‘Muramiñae Rehabilita’, un Plan de Intervención Socio-Laboral que permitirá desenvolver durante seis meses obras de mellora nos dez barrios da cidade que integran a zona DUSI ao mesmo tempo que se lle da unha oportunidade laboral a colectivos vulnerables.
Esta acción enmárcase nas liñas de acción que fixa a estratexia europea DUSI gañada polo Concello de Lugo con vistas á promoción da inclusión social e de loita contra a pobreza a través da inserción laboral. A rexedora lembrou que o Muramiñae “busca a integración da trama urbana co río Miño así como a rexeneración física, económica e social da área funcional urbana da contorna fluvial”.
A alcaldesa, que estivo acompañada dos concelleiros Olga López, responsable de Benestar, Inclusión e Persoas Maiores, e Mauricio Repetto, responsable da Desenvolvemento Local e Emprego, avanzou que se crearán 3 brigadas que estarán conformadas por 27 persoas: 8 peóns e un capataz en cada unha delas. Para iso, na Xunta de Goberno Local da vindeira semana se levarán para a súa aprobación as bases de contratación destas persoas. “Na zona DUSI vive un alto número de poboación inmigrante e minorías étnicas, razón pola que nesta primeira edición do Muramiñae Rehabilita abrimos a porta a contratación de estes colectivos como prioritarios do proxecto”, sostivo Lara Méndez.
As bases terán en conta esta condición, con preferencia dos desempregados de longa duración, mulleres, maiores de 55 anos, mozos e mozas menores de 30 atendidos polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil e persoas que estean en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe de Servizos Sociais.
As brigadas encargaranse de realizar labores de xardiñería e arranxos medioambientais, albanelería e pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura urbana nos barrios DUSI: Recatelo, A Cheda, A Ponte-San Lázaro, O Carme, Milagrosa, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, Abuín e Saamasas.
“Esta oportunidade laboral irá acompañada tamén dun traballo de capacitación que faremos coas persoas contratadas, con formación tamén en habilidades sociais e laborais. E na fase final do seu contrato entrarán a escena os nosos orientadores laborais, que lles axudarán na súa inmersión no mercado laboral”, aclarou a alcaldesa.
Lara Méndez destacou tamén a apertura deste programa de obras á opinión e suxerencias da veciñanza, “xa que queremos que sexan os cidadáns os que nos propoñan as actuacións que queren que desenvolvamos neste barrios”. Para iso, habilitarase en un espazo na web municipal onde deixar as propostas, e tamén se repartirán folletos de papel a través dos que os veciños e veciñas poden facer chegar as súas peticións, que se irán estudiando no marco dun plan de acción de barrios.
O investimento deste primeiro plan “Muramiñae Rehabilita” ascenderá a 671.000 euros, do que o Concello cofinancia o 20% e o resto son fondos FEDER. Desta cantidade, 267.000 euros son para gastos de persoal, e o resto materiais, vestiario, aluguer de maquinaria, coordinación e seguridade, entre outras actuacións complementarias.
Audio