A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Desenvolvemento Sostible e Emprego, Mauricio Repetto, presentou esta maña ‘Lugo é Capital’, a marca propia creada dende o Concello de Lugo como identidade que unifique ao comercio e “que reflicta uns atributos diferenciadores que supoñan vantaxes competitivas e que axuden a posicionalo en momentos complicados pola competencia do comercio online”.
A marca, dixo a rexedora, “acompañará de xeito permanente as estratexias que se están a fixar para incentivar o consumo e fidelizar á clientela”.
A iniciativa xurdiu despois de múltiples reunións de traballo entre a área de desenvolvemento local e emprego que dirixe Mauricio Repetto con colectivos vencellados ao comercio de proximidade, asociacións, e demais entidades, todas elas preocupadas polo emprego, por reter o talento en Lugo e por xerar riqueza no municipio. Traballouse man a man para unificar criterios de actuación que redunden na mellora dos barrios e na competitividade dos establecementos comerciais buscando a implicación dos propios comerciantes para que se formen e reciclen e para que aproveiten sinerxias á hora de dar a coñecer o entorno comercial mediante campañas de publicidade nos medios de comunicación e RRSS.
A alcaldesa explicou que se busca representar a un Lugo actual e moderno cunha imaxe que pretende conectar co público a través dun deseño moderno no que aparecen emoticonos misturados coas letras de Lugo. “Preséntase así como unha ferramenta coa que o comercio local tradicional poida competir co comercio online facendo uso das súas armas”, comentou o concelleiro Mauricio Repetto.
‘Lugo é Capital’ pretende xerar un sentimento da importancia da cidade como capital da provincia así como un sentimento de pertenza da veciñanza. “Queremos ofrecer una imaxe de optimismo e modernidade que axude a facilitar a implicación da poboación de Lugo na supervivencia do comercio local fronte ao comercio de grandes superficies e online”, aseverou a rexedora.
Baixo o paraugas deste deseño, o Concello ten como finalidade desenvolver unha estratexia de dinamización, visibilización e posta en valor do pequeno comercio. As liñas de actuacion a curto e medio prazo buscan mellorar a oferta comercial da zona dotándoa de contido que anime a outros operadores a instalarse no centro, cohesionar o colectivo de comerciantes para que fagan forza cara a un interés común, dar apoio técnico mediante formación, crear alianzas estratéxicas con outras entidades, aumentar e fidelizar a clientela da área comercial, implicar aos comerciantes e veciños no plan de dinamización, consolidar unha actividade de promoción e animación continuada e facilitar o acceso á dixitalización do pequeno comercio.
Durante a rolda de prensa avanzouse que en breve presentarase a campaña de Nadal que o Concello pechou coa Federación do Comercio.
Audio