A Alcaldesa, Lara Méndez, xunto á Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e a Deputada provincial de Cultura, Pilar García Porto, participou este xoves na praza Anxo López Pérez na inauguración da novena Feira Outlet, organizada pola Asociación de Autónomas de Lugo, en colaboración co Concello, a Deputación e a Federación Galega de Comercio, e na que entre hoxe e o sábado 31 tendas ofrecen descontos de entre o 50 e o 80%.
Méndez amosouse orgullosa de que a idea que abordou coa entón presidenta da asociación de autónomas, Nora Real, cando era vicepresidenta da Deputación, e “na que crin persoalmente dende o minuto cero”, sexa hoxe ·unha cita consolidada, que mellora cada ano tanto en cantidade como en calidade.
O impulso deste tipo de iniciativas, “que contan con todo o noso respaldo como Concello, así como da Deputación, tamén é un motivo de orgullo xa que queremos conseguir que Lugo sexa unha cidade amigable coas emprendedoras apoiando ás mulleres que, como as que hoxe están nesta feira, achegan grandes doses de esforzo, tempo, ideas e innovación aos seus proxectos e comercios”.
A rexedora agradeceu o labor que fai a asociación de autónomas, “un exemplo para moitas mulleres que veñen detrás”. Destacou neste senso o gran protagonismo feminino nas iniciativas de apoio ao emprendemento que ten en marcha o Concello. Así, lembrou que 5 dos 8 beneficiarios do viveiro de empresas que creou o Goberno na Tinería aos que entregou onte as chaves son mulleres, o 55% das empresas e asociacións que funcionan no CEI Nodus son impulsadas por mulleres e das 40 empresas que saíron do plan de apoio ao emprendemento Inicia Coworking, máis da metade son de mulleres.
A Feira Outlet estará aberta mañá e sábado en horario continuado de 11:00 a 21:00 horas.