Este recoñecemento estatal premia a innovación e o impacto social e ambiental das mellores iniciativas postas en marcha no ámbito local.
Miguel Fernández: “Somos unha cidade que marca o camiño cara ao futuro, premiada a nivel nacional e internacional pola súa aposta decidida pola innovación urbana”.
O Concello recibiu o galardón na categoría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, polo proxecto LIFE Lugo + Biodinámico.
O Concello de Lugo vén de ser galardonado na XIII Edición do Premio Progreso, na categoría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, polo proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, unha das iniciativas máis ambiciosas de transformación urbana sostible en España. Este recoñecemento estatal, promovido pola Fundación para o Desenvolvemento dos Pobos de Andalucía (FUDEPA), a Federación Andaluza de Municipios e Provincias (FAMP) e o Fondo Andaluz de Municipios para a Solidariedade Internacional (FAMSI), premia a innovación e o impacto social e ambiental das mellores iniciativas locais.
O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, amosou a súa satisfacción por este novo recoñecemento afirmando que «é unha honra para Lugo recibir este galardón que reafirma o noso compromiso co desenvolvemento sostible. Somos unha cidade que marca o camiño cara ao futuro, premiada a nivel nacional e internacional pola súa aposta decidida pola innovación urbana e o respecto ao medio ambiente».
O Premio Progreso busca identificar e premiar aquelas iniciativas que, pola súa orixinalidade e efectividade, logran xerar un impacto real na calidade de vida da veciñanza e no desenvolvemento sostible dos seus territorios. Así, a súa finalidade é recoñecer e dar visibilidade ás propostas máis sobresaíntes dos gobernos locais, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) establecidos pola ONU, promovendo así un desenvolvemento inclusivo, equitativo e sostible.
Co paso dos anos, o galardón converteuse nunha plataforma de prestixio que exhibe as mellores prácticas municipais, e que funciona como foro de ideas para o intercambio e difusión de proxectos exitosos. “O Premio Progreso non só impulsa a innovación e a creatividade no ámbito local, senón que tamén reforza a cooperación entre municipios, permitindo replicar solucións eficaces en diferentes rexións do país, e estamos moi orgullosos de Lugo poida servir de exemplo para outras urbes de España”, engadiu o rexedor.
A cerimonia de entrega dos galardóns terá lugar nun acto en Córdoba, o próximo 14 de maio no Pazo da Merced, sede da Deputación Provincial.
LIFE Lugo + Biodinámico: unha cidade que pensa no futuro
O proxecto LIFE Lugo + Biodinámico sitúa a Lugo como unha cidade pioneira no deseño urbano resiliente fronte ao cambio climático. Entre as súas actuacións destaca o deseño do primeiro Barrio Multiecolóxico de España, na contorna da Garaballa, baseado no uso da madeira como material estrutural e criterios de eficiencia enerxética.
Tamén incluíu a creación dun Bosque Urbano de 19,7 hectáreas, zonas de agricultura urbana, o innovador edificio Impulso Verde, e un Catálogo de Solucións Urbanas aplicable noutras cidades. Estas accións contribúen á mellora da calidade do aire, a redución de emisións e a recuperación da biodiversidade.
Este proxecto ten tamén unha forte proxección internacional, pois foi presentado na COP25 da ONU en Madrid e incluído en redes como o Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, UrbanByNature ou Mass Madera. A súa metodoloxía foi replicada en cidades de España, Portugal, Polonia e Austria.
Lugo, recoñecida polo seu modelo sostible Este galardón súmase á Bandeira Verde de Galicia recentemente concedida a Lugo, un distintivo que avala o compromiso do Concello coa protección do medio ambiente. “A través destes recoñecementos estamos a consolidarnos como un referente nacional e internacional en innovación, planificación urbana sostible e loita contra o cambio climático” concluíu Fernández.