A xornada estivo organizada por Espazo Lab, o servizo de orientación, formación e desenvolvemento dos programas de fomento do emprego do Concello de Lugo.
Alvarellos: “Con esta iniciativa buscamos facilitar a contratación de profesionais en empresas do municipio que fagan crecer o seus negocios, ao tempo que contribuímos a reter o talento local e fixar poboación, como unha das noas prioridades de goberno”.
Máis de medio centenar de lucenses participaron este luns na xornada ‘Encontro co Talento’ organizada polo Executivo de Paula Alvarellos, a través da Área de Dinamización Económica, co obxectivo de responder dun xeito áxil ás necesidades do mercado laboral, conectando a persoas que se atopan en búsqueda de emprego con empresas interesadas en ampliar os seus equipos.
Ao evento, que tivo lugar no CEI Nodus municipal, asistiu o responsable da área de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen destacou a aportación ás persoas emprendedoras ou na procura de emprego que se leva a cabo desde o servizo integral de orientación, formación e desenvolvemento dos programas de fomento do emprego do Concello de Lugo. “Con esta iniciativa buscamos facilitar a contratación laboral, mediante unha ferramenta coa que as empresas poidan atraer a profesionais que fagan crecer o seus negocios, ao tempo que contribuímos a reter o talento local e fixar poboación”, explicou Repetto, quen engadiu que “esta é unha das nosas prioridades como goberno, e para iso, pese a non ter as competencias directas neste eido, activamos estratexias como o Lugo Transforma, a través do que xa xeramos 36 novos postos de traballo directos no municipio”.
Para a celebración deste evento púxose en marcha a web www.encontrotalento.arquivalugo.gal a través da que numerosas empresas do municipio publicaron as súas ofertas e as persoas interesadas puideron acceder a elas para presentar a súa candidatura. Ademais, durante a xornada, que tivo lugar ao longo da mañá, houbo un punto de información no que un equipo de profesionais especializados en asesoramento laboral resolveron dúbidas.
Espazo Lab
Espazo Lab conta cun equipo de profesionais especializados no asesoramento laboral que coordinan as distintas iniciativas municipais en materia de emprego e, ademais, funcionan como nexo de unión entre as empresas e as persoas demandantes de emprego.
Un dos obxectivos de Espazo Lab é detectar os cambios e as novidades nas tendencias no mundo do traballo co fin de divulgar esas novas oportunidades de ocupación e dar a coñecer os sectores económicos emerxentes e as últimas competencias profesionais. O permanente contacto coas empresas facilita a actualización constante das ofertas de emprego e coñecer de primeira man as demandas do mercado laboral. Deste xeito, o Espazo Lab pode ofrecer un asesoramento innovador e axudar aos demandantes de emprego a que actualicen o seu perfil a través dunha atención personalizada e de itinerarios de formación que melloren as súas capacidades e lles facilite acceder con éxito ao mercado laboral.
A través deste servizo municipal, o Concello de Lugo ofrece máis prestacións aos demandantes de emprego poñendo a súa disposición gratuitamente unhas modernas instalacións dotadas coas tecnoloxías máis innovadoras e cun completo equipo de profesionais que lles presta unha atención personalizada. Os usuarios e usuarias atopan ferramentas informáticas para buscar emprego ou crear o seu currículo; poden consultar as ofertas máis actualizadas, así como prensa e revistas especializadas; e, ademais, asistir a cursos, seminarios e charlas sobre distintos temas relacionados co emprego.