O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, participou este martes en Madrid no pleno anual da Rede Innpulso. O Concello de Lugo accedeu a esta rede en 2023. Trátase dun foro de encontro de todos aqueles municipios distinguidos co galardón «Cidade da Ciencia e a Innovación», que outorga anualmente o Ministerio de Ciencia e Innovación, coa finalidade de avanzar na definición e aplicación de políticas locais innovadoras. A sesión plenaria foi clausurada pola responsable da carteira, Diana Morant.
Así, o obxectivo da Rede Innpulso é recoñecer e impulsar as actuacións que en materia de ciencia e innovación realizan as administracións locais, propiciar a colaboración entre os concellos pertencentes á Rede, mellorar o seu potencial innovador e servir de modelo a outros municipios para contribuír ao cambio do modelo produtivo cara a un modelo económico e social sostible, baseado no coñecemento e a innovación.