A empresa lucense promove o desenvolvemento dun parque empresarial sostenible de máis de 180.000 metros cadrados de superficie, certificado por BREEAM España.
“O Ceao é un referente na actividade económica da nosa cidade, e con esta iniciativa consolídase como un modelo de desenvolvemento responsable, eficiente e moderno”.
O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, participou este martes nun encontro organizado polo Grupo Lence nas súas instalacións de O Ceao para analizar o primeiro desenvolvemento de solo industrial en España coa prestixiosa certificación de sustentabilidade urbanística de BREEAM que a empresa láctea está a impulsar neste polígono do norte da cidade, “un fito que sitúa a Lugo como referente no camiño cara a un modelo produtivo máis respectuoso co medio ambiente”, explicou o edil.
O proxecto ten como obxectivo o desenvolvemento dun parque empresarial sostible de máis de 180.000 metros cadrados no sector S6I de solo urbanizable industrial de O Ceao. Esta iniciativa ademais de consolidar a zona como un referente económico, tamén establecerá novos estándares en materia de sostenibilidade urbanística a nivel nacional.
Neste senso, Repetto destacou que “O Ceao é un referente na actividade económica da nosa cidade, e con esta iniciativa consolídase como un modelo de desenvolvemento responsable, eficiente e moderno”. Ademais, subliñou que “proxectos como este reflicten a dirección na que debemos avanzar: compatibilizar o crecemento económico coa preservación do entorno, fomentando a transición cara a un modelo produtivo máis sostible”.
Durante a súa intervención, Repetto salientou que «a aposta pola sustentabilidade é clave para o futuro do desenvolvemento industrial en Lugo. Esta iniciativa non só reforza a competitividade do noso tecido empresarial, senón que garante un crecemento equilibrado e aliñado cos obxectivos globais de sustentabilidade».
«Levamos anos implementando políticas para reducir as emisións, mellorar a eficiencia enerxética e fomentar a transición cara a un modelo produtivo máis sostible. Por iso, o proxecto do Grupo Lence para O Ceao encaixa perfectamente nesta visión de cidade que defendemos», indicou.
Repetto felicitou á empresa lucense pola súa iniciativa e subliñou a importancia de impulsar parques industriais sostibles que contribúan á atracción de investimentos, á xeración de emprego de calidade e á protección dos recursos naturais. «Desde o Concello de Lugo seguiremos apoiando proxectos que, como este, fagan da nosa cidade un referente en innovación, sustentabilidade e desenvolvemento responsable», apuntou.
No encontro participaron, ademais do concelleiro, a CEO do Grupo Lence, Carmen Lence; o socio-director de Urben Consultores, Roberto López; a directora de Nuevos Desarrollos de BREEAM España, María Paz; e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias.