A rexedora, acompañada do edil de Dinamización Económica, visitou dúas das empresas que deron os seus primeiros pasos neste viveiro municipal: AMS Lab e Oral Desing Lugo.
Alvarellos puido coñecer de primeira man o funcionamento e os servizos prestados por estas firmas, referentes nos seus respectivos sectores, con selo lucense.
“O CEI-Nodus é unha clara mostra da aposta do goberno municipal polo fomento da innovación e a cultura emprendedora en Lugo”, destacou a alcaldesa.
O CEI-Nodus impulsou a posta en marcha e crecemento de 137 proxectos empresariais ao longo dos seus 20 anos de historia. A piques de celebrar o seu vixésimo aniversario, a rexedora, Paula Alvarellos, visitou algunha das empresas que deron os seus primeiros pasos neste viveiro municipal, entre elas o grupo biotecnolóxico especializado en control de calidade e solucións analíticas AMS Lab e o laboratorio de técnica dental Oral Desing Lugo.
A alcaldesa visitou as instalacións de ambas firmas, situadas no polígono industrial do Ceao, no caso da primeira; e na rúa Enriqueta Otero, no barrio de Augas Férreas, a segunda. Durante un encontro cos seus responsables, no que estivo acompañada polo concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, puido coñecer de primeira man o funcionamento e os servizos prestados por estas empresas punteiras, con selo lucense, que xa xeraron decenas de empleos no municipio. Estas visitas enmárcanse dentro das actividades programadas polo Concello con motivo do 20 aniversario do CEI Nodus.
Alvarellos lembrou que “o CEI-Nodus é unha clara mostra da aposta do goberno municipal polo fomento da innovación e a cultura emprendedora en Lugo, pois baixo o seu paraugas, xa se desenvolveron máis dun centenar de empresas na cidade, elevándose a porcentaxe de supervivencia das mesmas por riba dun 75%”.
“Ademais, tamén supuxo a xeración de máis de 300 postos de traballo directos no municipio”, explicou a rexedora quen destacou que “o CEI-Nodus permitenos poñer o foco en iniciativas locais, apoiando o talento lucense e xerando un desenvolvemento económico para a cidade de Lugo e para toda a comunidade, como puidemos comprobar nas dúas visitas que realizamos”.
“A través desta ferramenta dende o goberno local tamén buscamos dar oportunidades aos mozos e mozas, para reter o talento en Lugo, e facilitar a implantación de novas empresas na nosa cidade; así, o persoal do CEI prestou asesoramento personalizado e acompañemento a máis de 600 proxectos ao longo destes vinte anos”, apuntou.
“Este viveiro, xunto ao da Tinería e a Estratexia Lugo Transforma, son algunha das iniciativas que estamos a desenvolver dende o Concello para crear emprego de calidade en lugo”, subliñou.
Recentemente, o Executivo de Paula Alvarellos vén de incorporar seis novos proxectos empresariais ao viveiro, situado na Avenida da Coruña, a carón do parque de bombeiros. “Trátase de empresas que ofrecen servizos moi variados dende deseño e rotulación, coach e asesoramento, restauración de patrimonio cultural ou servizos funerarios e que agardamos aproveiten a oportunidade que lles brindamos para crecer e consolidarse como referentes no seu sector, como así o fixeron AMS Lab ou Oral Desing dende a nosa cidade”.
Instalacións punteiras
O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo púxose en marcha en novembro de 2004. Conta con 23 espazos para o desenvolvemento da súa actividade por empresas de nova creación, 5 talleres, 2 laboratorios e 16 locais. Tamén conta cun espazo dividido en 5 compartimentos para Semilleiro e un espazo Coworking.
“Actualmente todos os espazos e despachos atópanse ocupados, o que dá boa mostra do interese destas instalacións e servizos para os emprendedores e emprendedoras lucenses”, subliñou Repetto, quen convidou ás e aos interesados a enviar a súa solicitude que será avaliada no momento en que queden locais dispoñibles.