O edil, Mauricio Repetto, deu a benvida aos asistentes dunha quincena de entidades de Lugo que prestan servizos a persoas en situación de vulnerabilidade ou exclusión social.
Repetto lembrou que o Concello forma parte desta rede co fin de coñecer as necesidades e buscar posibles solucións á problemática observada no entorno laboral da área lucense.
O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, participou este xoves no salón de actos do CEI-Nodus na xornada Xustiza Social, organizada pola Rede TIL de Técnicos/as de Inserción Laboral de Lugo. Esta iniciativa tivo lugar co gallo do Día Mundial da Xustiza Social, unha efeméride que se celebra cada 20 de febreiro. Durante o encontro levouse a cabo a firma simbólica do acordo de colaboración da Rede TIL, creada en 2011, e que conta co apoio do Executivo de Paula Alvarellos. Trala sinatura, proxectouse un vídeo da traxectoria da Rede desde os seus inicios.
Mauricio Repetto lembrou que “o Concello de Lugo forma parte da Rede TIL co fin de coñecer as necesidades e buscar posibles solucións á problemática observada no entorno laboral da área lucense e os seus colectivos”. Así mesmo, “contamos cun servizo propio de Orientación Laboral a través do que ofrecemos atención personalizada a todas aquelas persoas que demanden información sobre oportunidades laborais e formación para facilitar o seu acceso ao mercado de traballo”, lembrou.
A Rede TIL, Rede de Técnicas/os de Inserción Laboral de Lugo, é un foro de encontro, discusión e traballo entre entidades para profundizar no coñecemento mutuo de estratexias, modelos e formas de actuación, que permitan mellorar o labor das entidades participantes e acadar un maior grado de eficacia. Deste xeito, permite un intercambio de experiencias e apoio no desenvolvemento das funcións dos diferentes profesionais especializados na orientación, asesoramento e intermediación laboral.
A Asociación de Colaboración e Promoción do Sordo (ACOPROS); Aliad Ultreia; Cáritas Diocesana de Lugo; Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI); Cruz Roja Española; Diaconía; Fundación Educativa e Social Dignidade (FES Dignidade); Asociación Síndrome de Down de Lugo; FADEMGA Plena inclusión Galicia; Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG); Fundación Amigos de Galicia (FAG); Saúde Mental FEAFES; Fundación Secretariado Gitano (FSG); Inserta Empleo (Fundación ONCE) e Fundación Juan Soñador son as entidades que conforman esta rede, as cales levan anos unindo os seus esforzos para mellorar o seu achegamento ás empresas.