Unha consultoría tecnolóxica, unha axencia de branding, unha tenda de marmeladas artesás, un centro de fisioterapia e outro de saúde visual son os novos negocios instalados.
Miguel Fernández: «Estamos encantados de dar a benvida a estes proxectos, que aportan innovación, dinamismo e servizos moi diversificados”.
A cesión dos locais será por unha vixencia temporal de doce meses, prorrogables por iguais períodos, ata un máximo de tres anos.
O Centro de Empresas e Innovación do Concello (CEI‐Nodus) renóvase coa chegada de cinco novos emprendedores e emprendedoras, completando así a ocupación total dos espazos dispoñibles neste viveiro de empresas municipal. O alcalde, Miguel Fernández, deulles a benvida: “Estamos encantados de incorporar a estes cinco novos proxectos, que aportan innovación, dinamismo e servizos moi diversificados”. “O CEI-Nodus é un exemplo de apoio efectivo ás empresas emerxentes, e a ocupación total dos seus espazos demostra a confianza que os emprendedores depositan no noso modelo de xestión e apoio», destacou o rexedor.
Os cinco novos proxectos que se incorporan ao CEI‐Nodus abarcan sectores moi diversos:
– Emanavisión (Despacho nº4), de Mar Arias Falcón, un centro especializado en técnicas de visión natural para mellorar a saúde visual sen intervencións invasivas.
– HG Motion (Taller nº5), de Hector Gayoso, centrado en servizos de fisioterapia con enfoque integral e personalizado.
– La Mariquita de Azúcar (Taller nº2), de Isabel Rodríguez, dedicada á elaboración de mermeladas artesás con ingredientes de proximidade.
– Ruxe Branding (Despacho nº5), de Jesús Arias, axencia especializada en branding e deseño de marca.
– Slaccode (Despacho nº12), de Cristian Piedrahita, consultoría estratéxica enfocada en solucións tecnolóxicas innovadoras.
“A incorporación de novos proxectos como estes significa que seguimos sendo un lugar de referencia para quen quere poñer en marcha o seu negocio cun apoio sólido detrás. Desde o Concello queremos seguir impulsando iniciativas que xeren emprego, innovación e novas oportunidades para a veciñanza”, destacou Fernández.
O CEI‐Nodus, en funcionamento desde novembro de 2004, conta con 23 espazos para o desenvolvemento de empresas de nova creación, ademais de talleres, laboratorios e un espazo coworking. Nos últimos cinco anos, acolleu a 137 empresas e asesorou a máis de 250 emprendedores.
Neste senso, o alcalde apuntou que “a elevada demanda deste viveiro de empresas demostra tamén a súa utilidade como plataforma de lanzamento para novos negocios. Non en vano, baixo o seu paraugas, xa se desenvolveron máis dun centenar de empresas na cidade, elevándose a porcentaxe de supervivencia das mesmas por riba dun 75%”. Así mesmo, Fernández comprometeuse a “seguir traballando para mellorar os recursos que ofrecemos e facilitar que máis proxectos poidan saír adiante en Lugo”, concluíu.
A cesión dos locais será por unha vixencia temporal de doce meses, prorrogables por iguais períodos, ata un máximo de trinta e seis meses (3 anos), para favorecer a renovación das empresas e o apoio ao maior número de proxectos posible. Os interesados en obter máis información sobre o CEI‐Nodus poden consultar a web do Concello de Lugo ou visitar as súas instalacións.