O certame, organizado conxuntamente co Europe Direct da Coruña, celebra a súa décimo primeira edición baixo o lema “Europa preto de ti”.
Para participar as fotos deben enviarse ao correo cidadaniaeuropeaengalicia@gmail.com dende onde serán subidas automaticamente á páxina de Facebook do concurso.
Cada centro fará entrega de dous premios, cun total de 4 premios individuais a repartir: os gañadores recibirán unha cámara de fotos e os segundos clasificados unha tablet.
O centro municipal de información europea, Europe Direct Lugo, situado no CEI Nodus, convoca conxuntamente co Europe Direct da Coruña o XI Concurso de Fotografía Cidadanía Europea en Galicia baixo o lema Europa preto de ti, co obxectivo de que os participantes presenten obras que simbolicen como a Unión Europea está presente no seu día a día.
Neste senso, o concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, convidou á cidadanía a participar e “achegar a súa visión da UE a través dos seus obxectivos” ao tempo que destacou que este certame busca “fomentar a expresión artística e servir como testemuña visual da importancia de formar parte da Unión Europea”.
O concurso de fotografía estará aberto a toda a cidadanía residente en Galicia maior de idade ata o vindeiro 11 de abril, ás 14:00 horas. Con motivo da súa décimo primeira edición, o certame convida a representar nunha imaxe a proximidade da UE, a través das súas liñas de axudas, programas de emprego, etc., tendo en conta que este ano 2024 terán lugar os comicios europeos e ademais celébranse dous aniversarios destacados:
– 30 anos de EURES: A rede europea de servizos de emprego celebra 30 anos axudando ás persoas para atopar emprego en Europa e aos empregadores para atopar persoal. EURES é unha rede de ao redor de 1.000 asesores de servizos de emprego con presenza en 31 países. Facilita a liberdade de circulación de persoas por motivos laborais.
– 20 anos da gran ampliación: o 1 de maio de 2024 cúmprese o vixésimo aniversario da ampliación da Unión Europea cara a Europa Central e Oriental, Chipre e Malta. Nesa data incorporáronse á Unión Europea dez novos países e ao redor de 75 millóns de habitantes. Esta expansión foi denominada o “big bang” cando a UE pasou de quince a vinte e cinco estados membros.
Cada participante poderá presentar unha ou varias fotografías ou unha ou varias montaxes de fotografías, que serán orixinais, únicas e inéditas. As fotografías deberán enviarse ao correo electrónico cidadaniaeuropeaengalicia@gmail.com, acompañando o formulario de participación, dende onde serán subidas de maneira automática á páxina de Facebook do concurso. As bases e toda a información atópanse na web: www.europedirectlugo.com
O xurado estará composto por 5 persoas: dous representantes de cada Europe Direct organizador e un experto en fotografía e para a elección das obras gañadoras teranse en conta os seguintes criterios: Adecuación á temática, calidade, orixinalidade e a mensaxe transmitida. Ademais de valorar tamén a mensaxe europea, a presentación artística e a aplicación pedagóxica do seu contido. Os nomes das persoas gañadoras serán publicados na páxina de Facebook do concurso o día 18 de abril de 2024.
Cada centro Europe Direct fará entrega de dous premios, cun total de 4 premios individuais a repartir: os gañadores recibirán unha cámara de fotos e os segundos clasificados unha tablet.