O Concello abre mañá o prazo para 4 liñas de axudas, ás que destina máis de 230.000 euros. Trátase das subvencións municipais para clubs e entidades deportivas, as axudas económicas individuais para persoas con talento deportivo, as subvencións para asociacións sen ánimo de lucro de caracter veciñal e para colectivos culturais.
Concretamente, ás axudas para o eido deportivo, o Goberno destina 171.000 euros, co fin de promover e fomentar a práctica deportiva no termo municipal: 145.000 para clubs e 26.000 para deportistas. En canto ás de caracter veciñal, educativo, profesional e de medio ambiente, para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral, o Goberno destina 45.500 euros. Por último, para colectivos culturais, no que se refire ao desenvolvemento de actividades ou mantemento de infraestruturas, o Goberno destina uns 15.000 euros.
Todas as persoas interesadas en calquera destas tres liñas de axuda poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello no prazo de quince días naturais dende mañá. Así o estipulan as bases publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia.
Os criterios de valoración
Para os clubs, entidades deportivas e asociacións sen ánimo de lucro, poderán optar a estas axudas todos os clubs e asociacións legalmente constituídos e domiciliados no Concello, que deben estar inscritos no Rexistro Municipal de asociacións e ter tramitadas e en vigor ante a Federación correspondente un mínimo de 10 licenzas. Non se admitirá máis dunha solicitude por club, asociación ou entidade. A concesión das axudas, así como a súa cuantificación económica, dun máximo de 7.500 euros, efectuarase tendo en conta o número de deportistas federados, o número de deportistas femininas federadas e a traxectoria de coordinación e colaboración nas súas actuacións co Concello, entre outros. Serán gastos subvencionables, gastos correntes necesarios para o desenvolvemento da actividade tales como licenzas, material ou gastos de desprazamento, entre outros; ou gastos de persoal necesario para o desenvolvemento de actividades.
En canto ás axudas económicas individuais para persoas con talento deportivo, terase en conta o talento deportivo ao longo do ano anterior á publicación destas bases, que destacaran pola súa participación en eventos deportivos con resultados relevantes, tanto a nivel autonómico como deportivo. Os solicitantes deberán ser deportistas afeccionados nados entre 1997 e 2002, estar federados nun club do concello e estar empadroados no municipio.
No que se refire ás de caracter veciñal, valorarase, por exemplo, a porcentaxe de mulleres na directiva como mínimo ao 50% e que a entidade conte cunha vogalía ou departamento de muller ou igualdade, así como que desenvolvan actividades coa finalidade de promoción e fomento do Camiño Primitivo, dinamizar a Praza e o Mercado de Abastos, fomentar a educación cívica e o voluntariado, ademais de celebrar proxectos na zona rural do Concello. O importe máximo por colectivo é de 3.000 euros.
Para apoiar e dinamizar a actividade de asociacións que desenvolven a súa actividade no eido da cultura, os criterios de valoración son os seguintes: o interese xeral da actividade ou programa, a especialización na atención a colectivos aos que van dirixidos, o seu carácter permanente e continuo, que se trate de entidades ou asociacións que presenten a xuízo da comisión avaliadora unha traxectoria de coordinación e colaboración nas súas actuacións co Concello, orixinalidade e carácter innovador da actividade, que na composición da directiva da asociación exista como mínimo unha porcentaxe do 50% de mulleres, o uso e difusión do galego, oral e escrito, na programación da actividade, a difusión dos valores culturais lucenses e galegos e que a entidade conte cunha vogalía ou departamento de muller ou igualdade. O importe máximo por asociación é de 3.000€.