Ante a expectación xerada e dando resposta á petición de moitas das persoas interesadas nos 9 inmobles, que precisan máis tempo para preparar as súas propostas
Co mesmo obxectivo de facilitar ao máximo a participación, o Goberno convocou para este venres, ás 9:30h, no CEI Nodus, unha xornada informativa aberta con técnicos municipais de Desenvolvemento Local e Urbanismo
Organizou tamén unha nova xornada de portas abertas nos locais para o vindeiro martes 10 de xuño, de 10:00 a 12 horas
O Concello decidiu ampliar ata o vindeiro 31 de xullo o prazo de presentación de solicitudes dos 9 locais comerciais que ten en aluguer no barrio da Tinería ante a expectación xerada e debido á petición de moitos dos propios interesados co fin de facilitarlles en todo o posible a súa participación ao dispoñer de máis tempo para preparar as súas propostas, en tanto que moitos deles manifestaron a necesidade de pedir orzamentos externos para o acondicionamento dos locais co fin de poder valorar a viabilidade dos negocios que se propoñen poñer en marcha nos inmobles. Así o anunciou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen avanzou que a ampliación do prazo será aprobada pola Xunta de Goberno este mércores.
Con este mesmo obxectivo de facilitar ao máximo a participación, o Goberno convocou para este venres, ás 9:30 horas, no CEI Nodus, unha xornada informativa aberta con técnicos municipais, tanto de Desenvolvemento Local como de Urbanismo, na que poderán participar todas as persoas que teñan interese nos locais e resolver deste xeito as súas dúbidas.
Así mesmo, respondendo ás peticións formuladas, celebrarase unha nova xornada de portas abertas nos locais, a terceira, o vindeiro martes 10 de xullo, de 10:00 a 12:00h.
Con esta iniciativa, o Concello pon en marcha un viveiro de empresas a pé de rúa xestionado polo CEI Nodus nos 9 locais que lle alugou ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) na Tinería. Esta iniciativa supón revalorizar o barrio dunha maneira controlada e eficaz por medio dunha economía sostible e de valor engadido que fará atractiva a zona, non só para emprender e traballar, senón tamén para vivir, facendo posible un efecto chamada de novos residentes e empresas.
A cesión será en réxime de aluguer por un período de catro anos (contados dende a resolución definitiva e a entrega das chaves), con opción a prórroga, supeditada a que á súa vez a Xunta prorrogue ao Concello o aluguer dos locais. Toda a información sobre esta convocatoria está dispoñible na páxina web do Concello: www.lugo.gal
Audio