A Xunta de Goberno aprobou este mércores a contratación conxunta, por primeira vez na historia do Concello, de todo o subministro eléctrico nos inmobles municipais e espazos públicos, o que mellorará substancialmente a eficiencia do servizo. Reducirase a carga de traballo administrativo porque haberá dous únicos provedores e baixará o número de facturas recibidas, co cal a súa revisión e pago será máis áxil, ademais de producirse un aforro económico. Segundo anunciou o voceiro municipal, o Goberno deu hoxe luz verde hoxe ao proceso de licitación do contrato, dividido en dous lotes, un para baixa e outro para media tensión, coa aprobación dos pregos e do gasto, que suma 5,8M€ ao ano. A duración máxima, coas prórrogas, será de dous anos.
Segundo o prego, a empresa adxudicataria remitirá mensualmente ao Concello unha única factura por cada agrupador, correspondente aos consumos realizados durante o mes precedente. Os agrupadores son os seguintes: no caso da media tensión, cada un dos nove puntos de subministro, e na de baixa tensión, dependencias, colexios, deportes, servizos sociais, augas, semáforos, alumeado público urbano e zona rural. Así, grazas a este contrato, o Concello pasará de recibir centos de minutas a unha vintena, o que mellorará e fará máis áxil o control das mesmas, ademais reducir os tempos de pago.
O importe do contrato obriga a sometelo a regulación harmonizada, segundo a nova Lei de Contratos do Sector Público, polo que é preciso enviar o anuncio de licitación á Oficina de Publicacións da Unión Europea, momento no que se abrirá un prazo de 35 días naturais para a presentación das ofertas por parte das empresas.
Policía Local
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou hoxe as bases para o acceso en propiedade por promoción interna a tres prazas de inspector e dúas de oficial da Polícía Local, contempladas na oferta de emprego público do 2016 que foi aprobada polo Executivo e as forzas sindicais. O procedemento, segundo marca a normativa, continúa agora coa publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP), no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE), momento no que se abrirá o prazo de inscrición, se configurará e publicará unha lista provisional de admitidos, se abrirá un prazo de alegacións para a aprobación da lista definitiva, a aprobación dos tribunais cualificadores e a celebración das probas.
Estas 5 prazas de promoción interna forman parte das 19 de Policía Local incluídas nas catro ofertas de emprego público consecutivas que sacou adiante o Executivo no que vai de mandato. Dúas delas, as de 2015, xa están cubertas.
Ademais, en canto remate o prazo que establece o decreto de xubilación anticipada para que os axentes comuniquen a súa intención de acollerse ao mesmo neste ano, isto é, o 31 de xaneiro, o Goberno presentará a oferta de emprego público deste 2019, a 5ª que impulsa en menos de catro anos, que cubrirá o 100% das xubilacións producidas, e contemplará a promoción interna para outros tres inspectores.
Por outra banda, na Xunta de Goberno desta mañá quedou aprobada a autorización de prórroga ata o 27 de febreiro das obras de instalación dun ascensor en Fontiñas e a humanización do entorno -para as que o prazo acababa a finais deste mes- debido á demora que por cuestións alleas ao Concello e á empresa adxudicataria se produciron nos traballos, ao aparecer unha canalización de telecomunicacións, sobre a que primeiro foi preciso determinar a titularidade e logo a empresa responsable tivo que facer un desvío para continuar as obras do elevador.