Desenvólvese da man da Federación de Comercio e a Asociación de Hostaleiros e nace con 20 establecementos de proximidade inscritos en www.lugoecapital.com
A rexedora Lara Méndez convida as tendas do municipio a sumarse a esta iniciativa, “que quere complementar as vendas físicas en tenda neste tempo de pandemia”
Mauricio Repetto: “Convidamos a todos os lucenses a colaborar co pequeno comercio mercando bonos en tendas, negocios e locais de hostalaría de Lugo”
O Concello de Lugo puxo en marcha este xoves a plataforma web Lugo é Capital, da man da Federación de Comercio e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo, para impulsar a compra online nos establecementos de proximidade do municipio, durante a campaña de Nadal. Así o avanzaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o edil de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto.
A rexedora comentou que “a iniciativa quere complementar as vendas físicas en tenda para facilitar ás persoas a realizar as súas compras neste tempo de pandemia”. Neste senso, o concelleiro convidou a todos os lucenses a “colaborar co pequeno comercio mercando bonos en tendas, negocios e locais de hostalaría de Lugo”.
Un total de 20 establecementos xa se inscribiron a través da web www.lugoecapital.com poñendo a disposición dos cidadáns máis de 80 bonos-regalo, que se poderán trocar directamente nos comercios participantes. As inscricións continúan abertas e todos os locais interesados poden sumarse á plataforma de maneira gratuíta a través do formulario que se atopa na propia web.
O concelleiro lembrou que “durante o confinamento, cando os comercios tiñan pechadas as súas portas, xa puxemos en marcha unha iniciativa semellante para impulsar a compra anticipada en liña que resultou exitosa, pois tivo unha gran resposta por parte da cidadanía. Agora, con motivo da campaña de Nadal, animamos a todos os veciños e veciñas a seguir apoiando os nosos comercios nun ano de especial dificultade”.
O funcionamento da plataforma é sinxelo. Os usuarios poden atopar unha listaxe de establecementos participantes para comprar algún dos bonos para consumir neles. Unha vez introducidos os seus datos, habilitarase unha pasarela de pago que permitirá abonar o custo do tícket ou bono e, finalmente, recibirán a confirmación da súa compra a través de correo electrónico.