O concelleiro Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, pedirá explicacións á Xunta de Galicia pola súa negativa, por segundo ano consecutivo, á concesión de axudas para o desenvolvemento de cinco accións formativas de emprego no municipio de Lugo, que axudarían a 84 persoas desempregadas a mellorar as súas opcións de atopar un traballo.
“As accións formativas eran unha moi boa oportunidade de futuro para persoas sen emprego e non ten explicación que rexeiten as propostas, polo que desde o Concello de Lugo solicitaremos explicacións sobre os criterios aplicados de valoración, porque moito nos tememos que sexa unha negativa de carácter político”, asevera o concelleiro. “Sabemos doutros concellos, como o de Ferrol, que tamén denunciaron que a Xunta está a xogar por motivos electorais con estas axudas. A eles les denegaron seis accións formativa por ser doutra cor política”, comentou.
A primeira negativa recibiuna o obradoiro de emprego dual LETHES.TIC cun orzamento de 324.896 euros, que darían oportunidade a 20 persoas sen emprego de recibir formación en dúas especialidades formativas: dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais e Produción fotográfica. Cada unha destas especialidades contaría con 10 alumnos/as traballadores/as, que ao finalizar terían acceso a un certificado de profesionalidade de nivel tres.
O edil comenta que “a duración deste obradoiro sería de 9 meses e contaba cunha doble finalidade, por un lado fomentar o emprego e por outra banda dinamizar o patrimonio histórico da cidade de Lugo fomentando a súa xestión mediante a aplicación das novas tecnoloxías, cun tratamento específico para favorecer a súa preservación de cara ao futuro e a mellorar a súa difusión e acceso por parte do conxunto da cidadanía, o que sería unha boa oportunidade tanto para usuarios como Concello”.
Tamen foron denegadas catro accións formativas do plan de emprego para persoas traballadoras desempregadas para os exercicios 2019-2020, concretamente a de atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio cun orzamento de 46.634 euros, a de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais por importe de 37.763,40 euros, confección e publicación de páxinas web por valor de 53.574,30 euros e xestión de marketing e comunicación por 24.235 euros.
“Resulta sorprendente que non se concederán alomenos as dúas primeiras accións pola gran demanda que existe por parte dos desempregados en formarse no eido sociosanitario, debido a que a oferta de traballo existente é moi alta”, sostén o edil.
Audio